Opinión

A condición humana e os seus actos

Dende que as películas ianquis nos informan (e forman, conste) das xuntanzas de adictos a esta droga ou a aquela chamámoslle alcohólicos anónimos a eses grupos de xentes que, sentados en círculo, falan de si mesmos e da súa adicción na busca dun remedio que case que sempre e de xeito afortunado atopan grazas á verbalización do seu problema... ou iso parece.

Porén, cando os da miña quinta eramos mozos, chamábanselle alcohólicos anónimos a aquelas xentes, moi puritanas elas, que andaban a redimir á xente polo día e que, chegada a noite, na impunidade dos seus fogares, agarraban unhas talanqueiras de moito coidado. Facíano anonimamente, de aí a cualificación, e de aí a consideración de hipócritas. A linguaxe evoluciona e con ela fano os conceptos. Tanto o fai que unha cousa obvia era unha cousa evidente, mentres que hoxe indicase a conveniencia de obviar algo cando o que se pretende e que esa cousa se esqueza e desapareza así unha evidencia.

Non sei se iremos camiño de non transgredir nada, nin sequera con palabras mal soantes e de xeito que, chegadas a noite e as ocultacións, ambas nos fagan incorrer nese anonimato puritano que acabamos de citar, converténdonos en escravos de nós mesmos, en suxeitos das nosas frustracións que, se delas nos liberaban as palabras, sexan agora a ausencia delas as que nos aten e condicionen.

Nunca fun partidario das novatadas, entendendo por estas as animaladas ás que tantas veces eran sometidos os recen chegados á ocupación dun territorio que xa estaba establecido dende o curso anterior, e non vou caer no error de non condenalas; pero si no de recordar que os ritos iniciáticos están establecidos entre os seres humanos desde os tempos da súa ocupación da terra e que, o que haberá que condenar, son os extremos que tantos pusilánimes aproveitan pra liberar as súas propias frustracións.

Algo está pasando que nos debera intranquilizar a todos. Non sei se será certo, desexaría que non, o que se lle atribúe a unha ministra que disque afirmou que un rapaz de once anos, é dicir os rapaces de once anos, poden consentir relacións sexuais con adultos. E non pasou nada. Hai anos un bispo da Igrexa católica veu dicir practicamente o mesmo cando afirmou que había nenos que se puñan moi provocativos polo que era normal que algún sacerdote perdera o oremus diante de exhibicións tales. Con toda razón foi posto a caldo.

A condición humana é a que é. Esa condición non vai cambiar, pero si o fará, estao facendo, a consideración dos actos que se deriven dela, dígoo porque en Galicia está habendo un suicidio diario e do que falamos é do sucedido neses colexios maiores madrileños nos que os seus ocupantes liberaban verbas e conceptos que nunca liberarían nas súas casas. Sendo condenable a linguaxe utilizada, hai moitos golpes de peito que soan a hipocrisía, cheiran que alcatrea. 

Te puede interesar