Opinión

Confusión real

Sempre fun un pouco precipitado así que non é de estrañar que, de novo, me anticipe a xulgar o que no momento de me por a escribir aínda está por resolver. Onte Felipe de Borbón debeu recibir ós dous representantes dos dous partidos máis votados nas pasadas eleccións. Hoxe estaremos lendo os resultados obtidos por SM logo de telos escoitado. Non serei eu quen desexaría verse na pel do monarca ó ter que lle ofrecer ó Congreso o candidato a presidir o goberno de España. 

Mentres todo iso está por ver en tanto que eu escribo a máis da xente asistimos atónitos a todo o que está pasando. As argumentacións políticas resultan tan magreadas (disimúlenme a cualificación) que a cousa empeza a resultar anoxante. A interpretación libérrima que ás veces e as veces tan abondo como para non sentir noxo ata a saciedade, é que debe gobernar o partido máis votado. O que non é certo. Os electores non eliximos a quen ha presidir o goberno de España, iso correspóndelle decidilo ós deputados de xeito que quen ha gobernar sexa o que teña a maioría dos votos emitidos polos nosos representantes. 

O que non se entende moi ben, eu non o entendo (ou si), é que sucedendo todo como se ten visto nas pasadas semanas, é dicir, de acordo coa Constitución, se veña utilizando unha argumentación que contradí o texto constitucional, se poñan a parir os uns ós outros e o resultado nos confunda a todos. Se todo é legal, se todo está acorde co texto da nosa carta magna ou como queiramos chamala, é que algo falla nesa carta e haberá que introducir nela as reformas necesarias pra que a lamentable situación que levamos vivindo non se volva repetir… cando menos na medida do posible.

Foi legal a designación da presidencia do Congreso e si a política non é negociación, pacto e contrapartidas, é que o que se busca é unha confrontación inútil e, o que é peor, tóxica. Comeza por non lle recoñecer ós adversarios a condición da súa cidadanía e conclúe por arredalos desa inmarcescible verdade que predican os que se consideran patriotas de verdade, políticos sen mácula e únicos depositarios de verdades que se dirían divinas e da divindade emanadas.

Se o que se pretende é a afirmación de que a Constitución está mal ou é inapropiada estaremos a nos mover nun lameiro traidor e xa que logo un tanto perigoso. Porén se recoñecemos que nela hai artigos que precisan ser reformulados estaremos nun camiño que é preciso emprender millor canto máis antes; agás que o que se pretenda e manter un estado de cousas a partires daquela infamia de que canto peor millor prós afeitos a pescar en augas revoltas.

A situación comeza a nos abeirar ó noxo; pero hailles un vello proverbio no que se resume a actitude a seguir: San Xoán porque lle recei anoxouse…, con non lle rezar, acabouse. Non sigamos a facer un ídolo falso que acabe por nos devorar de novo. Refórmese o que deba ser reformable e deixemos dunha vez de lerias. Nesas e non noutras é nas que estamos.

Te puede interesar