Opinión

Cousas de escritores

Aí atrás, é dicir, hai xa uns cantos días, ala polo mes pasado, Siro López publicou un artigo no seu periódico de toda vida que non me resistirei a deixar sen comentar. Siro é un gran caricaturista, sen dúbida. O que eu non sabía era que non só é quen de caricaturizar debuxando senón que mesmo manexa a palabra coma un estilete con tanta ou maior fortuna que manexa o seu lapiseiro. O seu debuxo é ameno, grato; mesmo se diría del que é mol sendo como é certeiro. A min debuxoume de varios modos, ás veces co afecto, ás veces sen ningún. Mesmo houbo un tempo no que debía ter tantas gañas de que me queimase de verdade que me debuxou co lombo ardendo. Daquela non entendín por qué, agora sei que tiña mala información. Un que se dicía amigo dos dous (e que Deus teña onde lle conveña) terxiversara a realidade dun xeito innobre do que non podo culpalo a el.

Con todo e con iso, o debuxo non metía o dedo en chaga ningunha; nin a remexía unha vez dentro dela. Siro debuxou sempre dende a intelixencia construtiva. Non sei se dicir que fai o mesmo ó escribir logo de ler o seu artigo titulado "Blanco Amor como inimigo". Recorda nel a celebración dun congreso, convocado baixo o lema "Ramón Cabanillas e o futuro da cultura galega". Congreso no que Blanco Amor comezou a súa intervención lendo un texto que empezaba así: "As nais galegas que arrolaron os berces dos seus pícaros co arrendeio do abalo e debalo da maré que enche co seu profundo latexar o seo da Ría de Aousa, enxergaron arreo o adexar, sobre o frouxel do niño tépedo..." facéndoo dun xeito que el adobiou engalando a voz, facendo pausas que o fixeran risible, de modo que provocou o rexoubo do seu auditorio por conta de Ricardo Carballo Calero que fora quen prologara así as obras completas de Cabanillas. O congreso estábase inaugurando no Ferrol, cidade natal de Don Ricardo. EBA concluíu mentando a autoría do texto e dicindo: "Se isto é galego eu son o bispo de Ourense" pra que a xente imaxinara o futuro da lingua na que a nosa cultura se sostén.

Conta Siro que Blanco Amor levaba moi mal as críticas e da a entender que Carballo non tratara ben, nas súa propia, a obra do escritor ourensán nunha actitude que Blanco Amor atribuía, máis que a ningunha outra razón, a da súa homosexualidade non admitida ou criticada polo ferrolán.

Home, eu algo tratei a RCC; é máis, débolle a edición do meu primeiro libro, mesmo a selección dos poemas que o compoñen e algo, algo, o coñecín. Sei que lle gustaban moito as mulleres, pero non o creo quen de ler as novelas de ninguén mentres pensa os lugares de ataque e ocupación dos membros virís do novelista en cuestión, o de EBA incluído. Ou é que alguén de nós se imaxina a Don Ricardo negando o "Opus Nigrum" da Yourcenar en virtude a condición sexual da autora? Definitivamente Blanco Amor, a quen tamén tratei e admiro como novelista, non era bo como inimigo. E por outra parte Don Ricardo era como era e xa vai sendo hora de que lle adxudiquen un Día das Letras Galegas.

O que si foi RCC foi un home puntilloso. Gonzalo Torrente Ballester tenme contado nalgunha ocasión que Carballo era así dende ben neno. Acordeime do que vou contar agora grazas a unha foto que Man Castro publicou o outro día no seu Facebook coincidindo co algo envelenado artigo do Siro. Nela pódese ver a Don Ricardo acompañado dunha moza de cofia e delantal, sendo el de moi tenra idade e lucindo un lazo, non un laciño, enriba da súa tempa esquerda que fixo dubidar a máis dunha lectora.

O que me contou Torrente, non unha senón varias veces, foi que sendo nenos xogaban xuntos na ferrolá Praza de Amboage. Daquela e como anticipo do exquisito, e rigoroso, e metódico protocolo que RCC habería seguir durante todas as actividades da súa propia vida, aqueles seus precisos e contundentes formalismos cos que sempre se guiou, empezaron ambolodous a se forxar co seu xogo preferido entón. Cál era este?

"Ti Gonzalito poste naquela esquina da praza e eu póñome na súa oposta e, ó meu sinal, botámonos os dous a andar, en liña recta, ata estar a uns sete pasos o un do outro; nese momento, ti levas a man á fronte como se levases posto o sombreiro e eu fago o mesmo mentres ti dis: ‘bos días, don Ricardo’, e vou e contesto eu: ‘bos, días don Gonzalo’ mantendo os brazos en alto como se sostiveramos os sombreiros ata que, unha vez que nos crucemos de todo, volvamos poñérmonolos".

Home tan ben educado dende neno dificilmente podería ser tan atravesado como Blanco Amor, o gran escritor da mellor novela realista da primeira metade do século XX español nos deu a entender coa súa malévola inimistade. Pero os escritores, con independencia do calado da nosa obra, sómosche así. Confírmannolo as actitudes de EBA, RCC e mesmo a miña;... e a de Siro que definitivamente é tamén un escritor; tan bo como caricaturista, por certo.

Te puede interesar