Opinión

Cousas do cocido

Os da tribo de Asteix e Obelix celebraban calquera cousa, non importaba cal, comendo porco salvaxe; ou o mesmo aínda o seguen facendo, non o sei, pero quero supoñelo, pois non creo que se volveran tan desnaturalizados. Os da miña, é dicir, todos nós, facemos o mesmo pero dándolle ó xabarín doméstico. Xa sei que me entenden, estoulles falando do cocido.

Pasamos o ano agardando estas datas pras pertinentes celebracións das que lles falo. Cales celebracións, por exemplo? Pois abonda coa da sinxela celebración da vida, do simple feito de se sentir vivo e de poder compartir cuns amigos as vellas vivencias en común, alá na mocidade. Tamén a de nos recoñecer con independencia de cores políticos ou de sentimentos ningúns de pertenza a esta ou aqueloutra confraría. 

Somos así e, mentres damos conta do cocido, xa estamos cismando na data xusta pra dar conta da lamprea. Isto sucédeme a min cos meus compañeiros ourensáns, xa saben, eses dos que tanto lles falo e fomos alumnos do Instituto do Posío porque, no caso dos poetas lugueses cos que tamén me vexo, a raíña das nosas esporádicas sentadas arredor dunha mesa, as que nos adoitan convocar, sonlles as anguías fritidas ou os anguiachos guisados con chícharos e patacas. Ouh, que delicias!

Fixo unha semana que os do Posío nos trasladamos a Ferreira de Pantón. O cocido non sabe de fronteiras provinciais, o románico da Ribeira Sacra é algo que os galegos temos ó acado da nosa ollada máis limpa e interesada e convén non esquecer nin unha cousa nin outra; quero dicir, que temos ollos pra ver e dentame san e ben coidado pra desfrutar chegado o caso.

Unha xa querida amiga, Flor Enríquez, levounos da súa man a todos nós cabe o mosteiro das freiras bernardas e ó pé mesmo da igrexa do de San Miguel de Eiré, rexido que foi este en tempos por un abade ou por unha abadesa, indistintamente, pois foi un mosteiro dúplice no que, aínda que separados, conviviron monxes e monxas baixo a autoridade dun dos dous, segundo tocase. Sobrevive a igrexa. Paga a pena visitala. O das bernardas sobrevive enteiro, oxalá sexa que por moitos anos. Hai xeitos de vida que deberan perdurar aínda que non saiba eu explicar moi ben o seu por que; ó millor porque hoxe do que quería falar era do cocido, desa nosa tendencia a comer que non é cousa de hoxe, nin moito menos. 

No 1492 os considerados Reis Católicos promulgaron unha pragmática, un lei pra entendérmonos, que nos prohibía ós galegos este tipo de celebracións pretendendo regulárnolas; por exemplo, as vodas non podían durar más de tres días, contar con determinado número de pratos e, por aí seguido, fóronnos impostas todo tipo de limitacións gastronómicos que entenderon eles que debían e nos podían ser reguladas; mesmo tamén a nosa fala que, case deica entón, fora a lingua de cultura nunha España que a partires deles nunca foi tan xenerosa con nós coma nós o levamos sido co resto dela. En fin, cousas do cocido, seguramente.

Te puede interesar