Opinión

Entre críticos, escritores e Schnitzler

Falando dos críticos teimaba Schnitzler en que, pra ser un bo crítico, non é abondo con ter capacidade de xuízo, sexa esta innata ou adquirida, senón que é preciso que existan outras condicións, outras propiedades, moito máis raras, a saber: a xustiza, a xenerosidade e tamén a visión de conxunto.

Iso referíndose ós críticos, pero chegado xa o momento de se referir ós escritores, Schnitzler deixou escrito que eles, como ben se sabe, son (somos) do máis susceptible. Ninguén o nega. Nin sequera os propios escritores. Claro que haber sempre hai excepcións. Vaia se as hai! Pero sempre foi de moi mal gusto sinalar co dedo. Acto seguido afirmou que só coñece un personaxe máis susceptible que eles, que os escritores: o crítico. Por cada dez escritores que lle perdoan ó crítico todos os seus reproches, burlas e varapaus e que non se alteran cando é cuestionada a súa honradez artística ou a súa integridade moral non hai nin un só crítico que consinta o menor atentado á infalibilidade do seu xuízo ou a más leve dúbida sobre a súa independencia profesional e que non cualifique, nun ton burlón ou indigna, de susceptible, cando menos, ó autor que ousou chegar tan lonxe.

Todas estas son cualificacións utilizadas polo escritor vienés que eu recollo e anoso (en fermosa expresión do chorado Darío Xoán Cabana, pra se referir á tradución dun texto á nosa lingua) grazas ó traballo feito por Joan Parra, conste, como consecuencia de ter lido, hai uns días, unha crítica absolutamente dura, asinada por alguén a quen eu lle recoñezo oficio e bonhomía e non só o feito (abundante nos seus colegas de exercicio) de ser un mero recensionista máis da nosa produción literaria.

Non lin a novela de referencia e non sei se a lerei con gusto e sen prevención ningunha, tan demoledora é a crítica, tan feroz. Pero si voume permitir a pregunta de por que razón estás demostracións de afiado criterio adoitan producirse con autores non instalados niso que se coñece como o Sistema Literario Galego que tantas bendicións prodiga, tanto enxalza a autores que farían ó finado Carlos Casares preguntarse porque fulano ou perengano perpetraran unha novela.

Unha novela, calquera obra de arte, é merecedora de ser considerada pola crítica. A pregunta é a de se no mentado SLG, a crítica demoledora, a crítica baseada na destrución por derribo do traballo dun autor só é posible coas obras daqueles que non forman parte de propia freguesía. Mal camiño levamos se non é así.

Schnitzler, a quen moito lle agradezo que caseque me teña escrito el o artigo de hoxe, preguntouse a razón de por que sempre hai que arroxar a un lado a un escritor para lle dar paso a outro e teima nun asunto que a nós, a todos nós, nos ven con anel ó dedo: Indignación moral? Fronte a obra de arte non pode existir tal cousa. O que adoita ser así chamado é un concepto absolutamente ficticio. E xa lles contarei cando teña a tal novela lida, pois o mesmo ten razón crítico tan amargo.

Te puede interesar