Opinión

Cultura, churrasco e indulxencias

Como comprenderán os meus lectores, aínda os menos compracentes coas miñas teimas persoais (que as teño, vaia se as teño) han aceptar sen maior problema que, ós meus 77 anos, ningunha ambición política persoal me guía cando escribo textos coma o aparecido nestas páxinas o mércores pasado. Non se lle ocorrerá a ninguén, e menos a min, que se trate dun empeño de regreso a lideiras e traballos que á miña idade non consentiría. Nin o meu humor; algo ácido ultimamente. 

A única razón é a que se deriva do meu breve paso de dous anos no exercicio da política executiva, xustamente esa, e, a maiores, a de que, nese breve espazo de tempo, deume tempo a comprobar que, cando se quere facer algo e se conta cos medios pertinentes, ese algo é levado a ramo. Polo contrario cando non se quere facer nada ou, o que é peor, desfacer o xa feito ata poder dar algún gustiño e ir arrombando con todo o anterior... ou con case todo.

Dende o ano de El Señor de 1990 que leva sucedido no seo da nosa propia cultura, esa á que dicimos defender e amar? Pois que agás ese enxendro arquitectónico espetado no cima do compostelán monte Gaiás, practicamente o resto da política cultural dos sucesivos gobernos, todo ten consistido na rebaixa ou no abandono orzamentario, na transformación de institucións culturais útiles e necesarias, creadas no seu momento en paralelo a outras do conxunto do Estado en oficinas de escasa efectividade normalmente presididas por xentes, cando non irrelevantes, si sometidas ós estritos designios políticos dos gobernos de quenda.

Que sucede, por exemplo, co CGAI, co Centro Galego das Artes da Imaxe? Atrevese alguén a defender a súa actividade referida ós pasados quince anos? Onde está a presenza que o CGAC, o Centro Galego de Arte Contemporánea tivo no seo da sociedade galega ó longo dese mesmo tempo? E que se di da Casa da Parra, hoxe abandonada, cando foi a sede das mostras de pintura que confirmaban a calidade dos nosos pintores, fornecéndoos de catálogos que lles permitían optar a exhibir as súas obras noutros lugares do mundo en igualdade cos artistas de por aí adiante? Preguntase así porque calidade sigue habéndoa entre os nosos artistas plásticos; pero, con todo e con ela, con toda a súa mestría no seu arte, permítelles a súa ocupación artística vivir entre a súa concidadanía co respecto que a súa condición require? Que pasou con aquela Lei do 1% que obrigaba a que tal porcentaxe de toda obra pública fose dedicado á adquisición e exhibición de obra artística propia nos lugares públicos da nosa comunidade?

Alguén se acorda da programación cultural do Auditorio de Galicia nos anos noventa do pasado século? Volveu ser erguido un edificio coma ese, no breve prazo de dez meses, en demostración palpable de que cando realmente se queren facer cousas estas van a ramo no mesmo prazo no que o foi este edificio levantado no que dez meses antes era unha mesta silveira chea de detritos de toda clase e condición?

André Malraux pasou á historia de Francia, entre outras razóns, porque ergueu nove Casas da Cultura no seu país. Onde están as casas da cultura creadas nos primeiro tempos da autonomía? Non poucas delas foron convertidas en dependencias administrativas das súas respectivas alcaldías. E os Auditorios, cal esta sendo o seu uso? Por que razón está sucedendo o que se suxire, presentándoo á consideración do lector atento e preocupado pola realidade que o rodea? Que sucedeu coa Xove Orquestra de Galicia? Onde está? Que fai? Quen a dirixe? É posible, pero non é necesario seguir facendo este tipo de preguntas, entre outras razóns, polo dolorosas que resultan cada vez que se pensa nas respostas que merecen.

Alguén pensa que a penetración francesa en ámbitos alleas, o prestixio de todo “o francés”, o peso da súa realidade económica, por citar tan só un aspecto da súa actividade e da súa influencia global no seo doutras sociedades, foi a partires dos tempos do seu rei Luis XIV ou que, a norteamericana, dende os comezos do século XX e aínda vixente, deus sabe aínda por canto tempo, ambas as dúas non se deberon á penetración cultural que precedeu á económica e acabou acadando a política e ó par delas a tantas outras. O soft power tenlles estas cousas. Por que temos nós que renunciar ós beneficios que sempre depara o soft power, a cultura branda? 

Será que a única oferta posible ha ser a hostaleira sostida na realidade relixiosa que se determina pola real ou suposta presenza dos restos mortais do apóstolo Santiago na cidade de Compostela? Non se pretende que esta oferta sexa rexeitada ou simplemente silenciada, nin moito menos; o que si se suxire é o regreso á potenciación daquela infraestrutura cultural que comezou a ser levantada nos primeiros tempos autonómicos e que, de vagariño, foi sendo abandonada polos gobernos que sucederon ós dous primeiros cos que contou Galicia, agás na primeira lexislatura presidida polo que foi o terceiro presidente de Galicia. Logo viu o valeiro.

Convén reflexionar encol de estas realidades. É necesario un cambio de rumbo. Os seiscentos mil libros amoreados nos almacéns da Xunta nos tempos do noso primeiro presidente ou os dous millóns e medio derivados do exercicio de quen foi o terceiro só xustifican unha política cultural mal entendida ou aplicada que evidencia que a cultura do país non é unicamente libresca. Pero soseguémonos, concertos témolos a mazo, Galicia é unha perenne romaría e o departamento gobernamental que atinxe á cultura de nós ocupase no que antes se ocupaban as concellerías municipais a través das súas comisións de festas. Vivan, pois, o churrasco e as indulxencias. Ése e non outro é o camiño que, dun xeito ou doutro, entre todos, estamos propiciando.

Te puede interesar