Opinión

O delito de indecendia e a okupación

Joseph Joubert deixounos dito, millor expresado, deixóunolo por escrito, non fora ser que o esquecésemos ou que fixeramos ouvidos xordos, que os pobos que son realmente ceibes son aqueles que teñen a facultade e dispoñen da facilidade de se desfacer das súas leis cando xa non lles gustan. 

Como toda actividade humana debe estar, e de feito estao, sometida a normas que regulen o seu funcionamento, é de supor que esa liberdade de reformar ou abolir leis obsoletas terá que estar, á súa vez e tamén, sometida a unha lei que regule tal facultade. O feito de que o capitalismo neoliberal considere que o mercado non deba estar sometido a se rexer por normas que o regulen antóllase, a todas luces, como algo excepcional; máis tendo en conta que o resto das humanas actividades si que o están ou que, cando menos algunhas, deberan estalo.

Nos Estados Unidos do América do Norte rexe unha cláusula, que se engade a algunhas leis, reguladora do prazo ó que se debe someter unha determinada lei a unha nova votación considerando que non só se tornou inútil senón que mesmo dificultará o normal exercicio da convivencia. Esa cláusula que regula a vixencia das promulgadas é coñecida como a sunset clause. As sociedades cambian; ás veces fano pra millor; en ocasións pra peor. Se pra aquilo unha lei pode entorpecer a normal convivencia dos cidadáns e se, pra isto, afectar gravemente ó necesario exercicio desa convivencia cando non condenala e episodios de enfrontamento que se poidan considerar como innecesarios ou cando non como destrutivos.

No Reino de España dispomos de leis que regulan a nosa convivencia; pero que é máis que probable que non a estean regulando ben; por exemplo a que regula a ocupación (se queren escríbano cun "k") dunha vivenda por unha manda de individuos aparentemente privada dun teito.

Citala non son gañas de amolar. A existencia de leis que deberan ser emendadas dáse en moitos países. En Singapur, por exemplo, o feito de pasarlle unha man polo ombreiro a unha muller descoñecida ou acabada de coñecer, facéndoo sen o seu consentimento, ou o de rozarlle simplemente e sen intención algunha as súas nádegas no metro, pode significar que estas chamen á policía e que esta, nada máis chegar, che retire o pasaporte e inicie un atestado; logo un investigador determinará se hai delito de indecencia e, se así o estima, mentres o xuíz non dite sentencia poden pasar varios meses.

Segundo leo en fonte por determinar, a presunta vítima pode chegar a un acordo co acusado e, sexa esa acción real ou sexa dada como tal nunha acusación, pode implicar serias sancións de índole económico ou mesmo de privación de liberdade dando lugar a que haxa persoas que, levadas do simple desexo de vinganza ou de obtención dun beneficio, acusen falsamente a outra que non vai dispor, cando menos na súa plenitude, dese precepto que indica que “in dubio pro reo”, ou sexa que, en caso de dúbida, se decida a favor do acusado. Parece delirante, pero unha falsa ofendida pode ofrecerlle un acordo de índole económica ó acusado deixándoo tranquilo a cambio de dez mil dólares logo de telo un mes privado de liberdade, mes no que perdeu o traballo e pode que tamén a muller e a familia. Sempre hai persoas sen escrúpulos ningúns que poden proceder de tal xeito. 

En España dispomos dunha lei que ten en conta o dereito constitucional que indica que todo cidadán ten dereito a unha vivenda digna, principio moi loable e digno de ser escrupulosamente seguido. Pero tamén dispomos dunha lei que regula a okupación dunha vivenda establecendo que, si esa okupación non é denunciada nun prazo de 72 horas, o okupante adquire uns dereitos que atentan firmemente contra outro precepto constitucional que indica que o dereito de propiedade debe ser protexido e defendido polas institucións do Estado.

Que sucede, por poñer un exemplo, cando un confinamento é decretado de xeito que varios propietarios de vivendas se ven inducidos a permanecer lonxe delas por espazo de días, semanas ou mesmo meses como xa se ten dado algún caso. Que sucede? Pode suceder que un sen teito ocupe unha vivenda que foi pignorada por un banco; unha vivenda que non está sendo nin utilizada, nin vendida, cometendo un acto que pode ser non só comprensible senón mesmo admisible e que o faga contando con certo consentimento das autoridades que, en casos de real causa de forza maior, miren pra outro lado ou poidan botar man dunha lei que regule ese tipo de ocupación de forma que deixe sen amparo o caso citado. Pero que sucede se a ocupación a fai un okupa sen escrúpulos disposto a sacarlle os cartos ó propietario do piso ausente a causa do confinamento?

Este é un exemplo máis de obsolescencia dunha lei, cando non dunha lei mal redactada que contravén, dun xeito ou doutro, dereitos constitucionais considerados intocables. Que casos así subsistan porque esa lei segue en vigor pode inducir a pensar en desidia dos lexisladores, en ignorancia supina e incapacidade de quen redactou a lei ou mesmo de quen tería que corrixila, cando non en connivencia dos lexisladores con determinadas instancia¡s privadas desas consideradas como poderes fácticos.

A nosa Constitución, a promulgada no 1978 co asentimento popular, deu pé á substitución dalgúns deses poderes denominados fácticos por outros ou, nalgúns casos, á perda do poder que algúns deles disfrutaban, que se viron notablemente reducida a súa capacidade de influenza. Pero creou outros que si gozan agora desa capacidade de influír e mesmo determinar e corrixir a vontade lexislativa que debera rexer dun xeito máis equilibrado e xusto do que o está a facer. Corrixir ou emendar algunhas leis ou mesmo a Constitución do 78 que serviu para debilitar uns poderes fácticos e fortalecer outros semella ser, cando non urxente, si polo menos necesario.

Te puede interesar