Opinión

Diríase que non avanzamos nada

Témolle ás paixóns. Antes as revolucións reprimíanse con certas garantías de que ían ser demolidas, sen maior problema, porque adoito eran consecuencia das paixóns en troques de selo das ideas. As paixóns duran o que duran. Axitan o corpo e os seus ánimos e coma el, coma o corpo, están suxeitas á continxencia; é dicir, son mortais. Ou tal pensaba Chateaubriand que algo de coñecemento ó respecto si que debía telo.

Chateaubriand algo romántico si que o foi. Os tempos que vivimos están a ser abondo elocuentes ó respecto: declinan as ideas, aboian os sentimentos. Así nos vai

O que non é seguro é que debamos considerar como certo o que Chateaubriand afirmaba que, du xeito inevitable, sucede coas ideas. Daba por feito que a idea vive, e sobrevive, coma acontece coa intelixencia; de maneira contraria á que aquela, a paixón, pode ser retida por unha forza superior mentres que esta, a intelixencia, e polo tanto unha idea, non pode ser parada. Chateaubriand algo romántico si que o foi. Os tempos que vivimos están a ser abondo elocuentes ó respecto: declinan as ideas, aboian os sentimentos. Así nos vai.    

Vivimos tempos apaixonados. Pode que iso sexa bo pero o máis normal ven sendo que, tempos así de exaltados, consecuencia que son da axitación dos sentimentos, levada a cabo sen maior análise que os ampare, acaben por nos resultar onerosos e ó final concluamos por pagalos caros. Os sentimentos, máis os das paixóns desenfreadas, adoitan saír caros.

En principio é gratificante que, dada unha complexa serie de problemas, haxa quen aporte solucións fáciles; solucións de exposición tan rápida que se diría delas que abonda coa súa e simple formulación pra que os problemas desaparezan de contado. Son solucións de execución rápida, tan rápida que sempre van acompañados de intanxibles, patria, honor, cabaleirosidade, señorío, tradición, adobiadas de sentimentos procedentes dunha banda do espectro anímico ou de progreso, creatividade, ilusión, humanitarismo, cando é outro o espectro, como se as solucións deberan proceder sempre dun lado en oposición a outro e nunca dunha síntese de ambos.

Son solucións que non resolven o problema senón que se limitan a contentar ou simplemente seducir a un auditorio sensible ós encantos oratorios e que, o que é ben peor, son traídas a colación apoiando o convencemento de que son de execución rápida que abonda con desexalas pra que poidan ser levadas a ramo. Logo acaban sempre por ser indixestas, ou sexa, de difícil dixestión. E duran o que duran. 

Aínda hoxe os émulos de tempos que se consideraban idos manteñen que hai unha revolución pendente, a súa, que necesita, primeiro, ser continuada e, despois, concluída dunha bendita vez. O mesmo sucede do outro lado do espello cóncavo que, xunto co convexo, deforman a realidade ata conseguir anulala.

Estas cousas hai que pensalas moito. Se chego ós oitenta anos vivindo nas condicións actuais -algo que pode suceder en ano e pico- poderei considerarme un ser afortunado. Con altibaixos, acaídos nos pasados once anos, dia a día, vin mellorar a sociedade na que nacín mentres desfrutaba dun período de paz do que se diría que sexa insólito. E inhabitual si que ó é se consideramos os séculos ó longo dos que Europa non fixo máis que guerrear, e guerrear, e guerrear. Nós non. Axiña se nos foi o empuxe. Algo si que o tivemos, ese empuxe, durante a que nós chamamos a Guerra da Independencia e os británicos que eiquí viñeron botarnos unha man cualifican como a Guerra da Península por considerala celebrada por eles. Xa me dirán.

Oitenta anos de vida en paz, vendo como a sociedade milloraba día a día ata que chegaron as hipotecas sub prime e deixaron todo patas arriba

O caso español ten certos matices que cumpriría non esquecer, No século XV reconquistamos un territorio ocupado por uns invasores que levaban oito séculos nel, de xeito que son non poucos os que a consideran coma unha longa guerra civil sostida baixo a axitación dos sentimentos relixiosos. Logo tivemos outra, outra Guerra Civil, a que durou do 36 ó 39 do século pasado, e, dende entón, xentes da miña andaina e eu con eles transitamos pola vida sen saber das miserias da Segunda Guerra Mundial, alleos a conflitos bélicos que nos fixeran saber o que vale un peite. Oitenta anos de vida en paz, vendo como a sociedade milloraba día a día ata que chegaron as hipotecas sub prime e deixaron todo patas arriba.

Agora estamos vivindo de novo eses tempos apaixonados, vendo como vellas feridas nunca ben cicatrizadas se van abrindo ó tempo que van espertando as vellas e nunca resoltas paixóns dun ánimo que xa moitos consideran idiosincráticos e tan nosos, tan nosos, como pra nos permitir calquera outra algarabía. Será a nosa unha sociedade esquizofrénica? Un continuado quítate ti que me poño eu e varro con todo o que fixeches, con todo, mesmo co bo pra que, acto seguido, tras previa exaltación dos sentimentos, xire a roda en sentido contrario de xeito que nunca teñamos a debida memoria que todos os feitos merecen.

Agora estamos vivindo de novo eses tempos apaixonados, vendo como vellas feridas nunca ben cicatrizadas se van abrindo ó tempo que van espertando as vellas e nunca resoltas paixóns

Escribindo a respecto da deposición de Luis XVI, rei de Francia, que non foi levada a ramo, senón á execución na guillotina do citoyen Capet, realizada o 21 de xaneiro do 1793, opinou Chateaubriand que non tería sido cometida e a posición do pobo francés tería sido outra respecto da monarquía se as Constituíntes que se opuxeron á deposición o fixéron crendo salvar así á coroa e a perderon, mentres que os que creron perdela, pedindo a deposición, a terían salvado. Case sempre, en política, o resultado é contrario á previsión…ou así o considerou o escritor francés cuxo pensamento, logo de tantos anos, aínda segue a ter vixencia grazas a non poucos dos seus escritos.

Estamos xa tan cerca do 2031 que da medo cotexar os titulares da prensa de hai cen anos e comparalos cos actuais. Diríase que non avanzamos nada. Da medo pensar que a pluralidade informativa que permite Internet non provoca razoamentos senón sentimentos exaltados que denigren ou ridiculicen as actitudes contrarias en moita maior medida da esperable e lóxica. Hoxe Fraga e Carrillo non poderían aparecer xuntos como apareceron nos tempos da Transición e iso constitúe unha traxedia, máis mentres comprobamos dia a día que os vellos fantasmas recorren o resto de Europa. A Europa da Ilustración e do sapere aude que nós non desfrutamos ancorados que quedamos en Trento e así seguimos.

Te puede interesar