Opinión

As do polbo ao das contas

Deixar as contas claras ven sendo algo que, a maiores de necesario, está moi ben visto. Falando é como se entende a xente, según a todos nos aprenderon de nenos; porén, pra aclarar as contas, compre axustalas. Axustalas ó céntimo. Iso sempre resulta incomodo, sen dúbida, pero trátase do único xeito coñecido de deixalas como compre, de deixalas claras.
Non sei como se fará hoxe, pero antes os bancos tiñan que cadrar as contas do ano o derradeiro día deste. O que si sei é que hoxe non se fará como hai medio século porque as maquiniñas xa cho dan feito, senón todo, si case que todo. Daquela non. Entón era suma tras suma, computo tras cómputo, e alá se podía ir a noite vella na busca de dous ou tres céntimos que non se sabía de onde saíran ou onde irían parar. Pero así tiña que ser. Así debe seguir sendo, coido eu.

O curioso é ver como, as contas claras, interésanlle moito a uns e moi pouco a outros; por exemplo, ós administrados interésanlles en grao sumo, algo que non adoita suceder con non todos, pero sí con moitos, diríase que con demasiados, administradores. E así non hai quen se aclare, nin as contas nin a cidadanía. Cal será a razón?

Pois non llo sei. Coido que se non estivesen tan interferidos os organismos administrativos, os uns polos outros, e Papá Estado estivesen algo máis, non moito, non demasiado, pero si algo máis responsabilizado de manter a conciencia cidadá menos desacougada do que xa o está, acaso Papá Estado comezase a poñer as cousas no seu sitio, deixando que os tres poderes eses que tanto predicou Montesquieu, funcionasen realmente con independencia os uns dos outros de xeito que eiquí teriamos paz e despois gloria.

Non lles sei que dicir. Está moi ben regular o da régula menstrual. Facelo é bo, oportuno e necesario, malia que a Miss Madrid a única regula que lle importe sexa a régula de tres, porén non estaría de máis que se é certo que unha consellería transcendental prá continuidade do país deixou sen executar unha ducia de millóns de euros dos pasados orzamentos do ano 2021, se lexislase que, o mesmo que un departamento gobernamental non debe exceder os orzamentos anuais en máis dun vinte por cento, aquel que non executase por enteiro os orzamentos adxudicados fose fulminantemente cesado dada e enorme cantidade de cousas aínda por facer e a cantidade enorme de falta de imaxinación sempre necesaria chegada a hora de que as contas cadren e a xente viva tranquila e confiada no bo facer dos seus gobernantes. O caso é que as contas non se axustan e se alguén se atreve a axustalas, se alguén ousa aclaralas pode que se lle veñan enriba as do polbo, de solteiro pulpo, cando había que mazalo, e mazalo, e mazalo baténdoo contras as rochas da praia ou os chanzos do embarcadeiro. Eran tempos.

Te puede interesar