Opinión

Escribirán aínda coplas dos maios os poetas

Xa estamos en maio! Con isto do cambio climático xa non sabe un se poderemos seguir chamándolle o mes das flores, ou non. Hai tantos anos que marea o feito de botar conta deles, cando si que o era e todo estaba en orde. Entón rexiámonos pola hora do meridiano de lugar de Berlín, hoxe tamén. Faciámolo en homenaxe a Herr Adolf e aínda non había nada disto de adiantar os reloxos unha hora. Nos salesianos cantabamos aquilo de “venid y vamos todos, con flores a María, con flores a porfía, que madre nuestra es” de xeito que, os que eramos un pouco lentos, non sabiamos se a quen llas levabamos era a Porfía ou era María. Tardamos en caer da burra, ata que ó estudar preceptiva literaria naquel excepcional manual de texto de Fernando Lázaro Carreter, soubemos que viña sendo cousa da rima en consonante. María era, naturalmente, María Auxiliadora. Todos eramos devotos dela e, daquela, xuraría eu que mesmo a min me sorría. Fantasías de neno imaxinativo que, outra cousa non sería, pero iso si.

Eu trastabilleaba con Porfía e con María, pero o Casares facíao por conta de San Roque cada vez que tiña que cantar aquilo de “San Roquiño verdadeiro, líbranos de peste y males” e se eu cismaba en como podería haber xente que se chamase Porfía el facíao preguntándose que raios e centellas serían os “pestimales”. Cousas de rapaces.

Os nosos foron tempos dos que non podemos dicir que fosen millores ou peores que os de hoxe, simplemente eran distintos; vencellábannos cos dos nosos pais pois estes tamén cantaran as mesmas cancións e xogaran ás mesmas cousas que nos xogabamos. Hoxe aprendemos dos fillos, no millor dos casos, ou dos netos, cando a nosa ignorancia é manifesta, pra que nos resolvan os problemas que nos dan os teléfonos móbiles, os ordenadores portátiles, ou non, e por aí seguido. Pero non pretendan que eu empece agora a tirar conclusións de ningún tipo. Xa advertín, o que en si mesma xa era unha conclusión, que non son millores nin peores uns ca outros, senón e sinxelamente distintos.

Aqueles nosos tiñan un encanto que oxalá perdure. Tal día coma o de hoxe andabamos a discorrer e discutir a autoría das coplas dos maios. Seguirán algúns dos grandes poetas ourensáns, a escribir coplas como aquelas que escribían os grandes poetas de entón? Os dos Maios eran dos poucos días do ano nos que se podía satirizar ós poderosos, claro que dentro dun orde e sen se pasar moito non fora ser o demo. Eu tiña a teima de sospeitar sempre que Antón Tovar, aquil vello revoltado, como el mesmo titulara un dos seus libros, era autor dalgunhas coplas. Érao, iso si, doutro libro que moito me influíra. Escribira “El tren y las cosas”. Nel había un verso que dicía: “Dolor de muelas, dolor de calavera en vida”. Moito me impresionara. Tanto que aínda o fai. O que non quero é dicirlles canto. Outro día igual si.

Te puede interesar