Opinión

Estragamos un país fermoso

O Villalón era o autobús de liña que levaba de Ourense a Allariz. Saía de enfronte da Deputación, pois a súa administración facía esquina coa rúa de Reza, se non recordo mal e con algunha imprecisión. Xa teño contado como fixen eu algunhas veces pra me achegar á Ziralla, así que non o vou repetir.

Pasabas Taboadela, subías ata o alto do mesmo nome, e baixabas xa cara a Allariz por Gundiás, antes de entrar na antiga vila e corte románica na que Afonso X, Afonso IX en galego, aprendeu a fala na que escribir as cantigas en loor de Santa María. Era unha estrada fermosa, aquela de entrada en Allariz, dona dunha sombra que moito se agradecía nos veráns de xeito que, malia estar en costa, convertíase en paseo dominical diríase que case obrigado.

Era certamente unha estrada fermosa, abeirada que estaba de pradairos; é dicir, de falsos plátanos, que é así como se chaman en galego os que en latín teñen por nome científico Acer pseudoplatanus. Era unha entrada case que maxestosa, ou cando menos así mo parecía a min. Poren, non recordo cando, botaron abaixo os máis dos pradairos e aquela súa beleza maxestosa desapareceu. Seica o fixeron pra que os automóbiles non bateran contra os toros dos árbores de xeito que non se esnafraran os ocupantes dos vehículos. E así sucedeu cos máis dos pradairos que abeiraban as estradas do país. A razón non se me antollou nunca xustificada. Hoxendía e por Europa adiante aínda hai estradas que son como túneles vexetais, cheos de encanto e beleza tanta, que son utilizados coma reclamo turístico. Mentres tanto nós quedábamonos sen pradairos e, non creo que por compensar nada e moito menos beleza, enchiamos o país de eucaliptais que son coma un veleno que vaia corroendo todo canto hai embaixo deles ó esgallar a cadea trófica tan necesaria, tan imprescindible

Evoqueino estes días, o vexetal túnel do que lles falo, grazas a que na pantalla do ordenador, tal e como lle sucedería ós máis dos usuarios deste invento consecuencia dunha guerra, ó prendelo pra botalo andar, apareceu unha fermosa fotografía do Túnel de Halnaker, ala por West Sussex, na Inglaterra, e fun recordando non poucos dos que vin polo mundo adiante, nesta e nesoutra banda do océano que nos trae auga, unha veces, e, noutras, o anticiclón das Azores que, se non dura moito, agradecemos sempre, máis se é no verán e temos auga cerca na que nos ir bañar.

Non fomos quen de conservar as calzadas romanas, as que aínda existían sendo nenos os da miña andaina, estragamos os máis dos túneles que enchían de fermosura as corredoiras, prescindimos de nomear a choiva con tantas palabras fermosas coma aquelas coas que cualificabamos según elas fosen e, pouco e pouco, fomos estragando un país fermoso, deteriorándoo de tal maneira que xa está parecendo o que non era. O peor do caso é que diso xa só somos conscientes os máis vellos da tribo… e non todos. Imos rematar agradecéndolle ós ingleses e outras xentes de por aí enriba que veñan e ocupen a Galicia baleirada por iso que algúns denominan progreso e reconstrúan as vellas casas, as aldeas abandonadas e de paso a ver se volven ós pradairos á abeirar as vellas estradas; sería tan fermoso…

Te puede interesar