Opinión

Eu sigo dicindo o mesmo

Opinión

Eu sigo dicindo o mesmo

Ando a ler o número XXXXVII dos Cadernos Ramón Piñeiro editado que foi pola Xunta de Galicia. Titúlase "Carlos Casares: homenaxe"; subtitulase "De amicitia". Según reza no pertinente colofón "acabouse de imprimir en Santiago de Compostela" no ano de graza de 2017, polo mes de maio". A min acábanmo de regalar, hoxe pola mañá, a penas anunciado o outono deste ano de maldita a graza da pandemia do 2020. Agradézollo a un amigo. A el regaláronlle catro e deu por feito que a min, colaborador dese volume, non me enviaran ningún. Non se equivocou nadiña. Madia leva.

Eiquí, onde tantas cousas e cousiñas vou contando -debullando unhas uns días, outros días outras- contando e con tal de ir suplindo esas memorias que os que me queren ben reclaman e algúns que mal me queren tamén a elas me empuxan; pero avisando, de novo e sempre, que, uns e outros, van ter que se conformar con esta chicoria en troques dun bo e recendente café de pota.

Eiquí, dicíalles, voume atrever a anticipar as miñas reaccións cando apenas son sete ou oito as colaboracións lidas. Un atrevemento certamente, máis tendo en conta que os participantes somos arredor de medio cento contando co algo farragoso limiar de Luis Cochón e o breve epistolario cruzado entre Carlos Casares e Ramón Piñeiro que Luis Alonso Girgado recolle a partires da páxina 469 do volume das 535 das que consta o total delas.

conde_18Foi Luis Alonso quen me pediu autorización pra reproducir un artigo meu no que, a través do meu cariñoso recordo de Christian Casares, rendía a miña testemuña de afecto a quen foi o meu irmán ó longo de tantos anos. Quero agradecerllo eiquí. Foi moi atrevido. No ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Carlos, ninguén se atreveu a tanto. No que se lle dedicou a Piñeiro, en cambio, si se me convidou a un acto final de peche dese ano. O acto foi celebrado no Consello da Cultura Galega e serviu pra que o finado de Benxamín Casal fixera comigo o que o réxime nacido do 18 de xullo do 36 fixera con Santiago Casares Quiroga. A este borrárono do rexistro civil, despoxándoo da súa condición de cidadán. A min, Casal co silencio cómplice de todos cantos alí estaban, borroume coma un dos catro galeguistas que fomos nas listas no PSdeG-PSOE pra ocupar os escanos que ocupamos no primeiro Parlamento de Galicia. 

Corenta anos despois, eiquí sigo dicindo as mesmas cousas, sentindo os mesmos sentires e arriscando criterios neste paisiño noso no que tantos criterios se silencian ou son expresados por omisión mentres eu vou tirando como podo; amén de facendo cousas nos dous eidos nos que maiormente leva transcorrido a miña vida: elaborando paciente e silandeiramente unha obra literaria e participando na estruturación política e cultural do país no que creo e na que veño procurando, diría eu que dende sempre e ata hoxe mesmo, e que ten o seu reflexo no Diario Oficial de Galicia, no Diario de Sesións do Parlamento e nas actas dos consellos de goberno que nos seus días presidiu Fernando González Laxe. A quen sinta curiosidade por elo convidoo á lectura atenta do que queda reseñado, agora, cando o corona virus nos axexa a todos e, calquera día destes, pode pasar calquera cousa.

Como hoxe vai de gratitudes, pois igual vou e continuo o domingo vindeiro, quédanme dúas por ser expresadas. A primeira delas dirixida a Xavier Casares pois quéroa facer pública. Sei, agradezo e valoro, a súa reacción cando me presentei no velatorio anterior ó enterramento de do meu chorado -sí, chorado- Carlos, o seu irmán. Non sei se con ela pretendeu prudencia como a que sempre tivo Don Paco, o seu pai, se xustiza, ou se respecto e comprensión cara unha amizade que foi fraternal e que durou anos e anos; uns corenta senón máis.

A segunda a Caetano Díaz. No volume de homenaxe a Carlos reproduce coa fidelidade que só un gran xornalista é quen de acadar as miñas palabras acerca de acontecementos que tiveron lugar e contribuíron de xeito significativo a facer país; si se me permite botar man dunha expresión que lle era moi cara a Ramón Piñeiro. Nunca ninguén se atrevera a tanto. A carón da miña van outras testemuñas de persoas que se sentaron arredor da pequena "mesa camilla", da mesa de braseiro de Ramón Piñeiro, mesa que estaba pegada a unha parede de xeito que só permitía que se sentaran arredor dela tres ou catro persoas e que non desmente as miñas.

Certo é que quedan moitas cousas por dicir e que á vista do moito que se di no libro o mesmo é... non sei será necesario, se conveniente, ou se só levemente hixiénico e algo profiláctico, o feito de ir esmiuzandoas ó longo de dous ou tres días máis. Non o sei pero déixenmo ir pensando. Non sei se de xeito afortunado e facendo bo a diagnose de Paco del Riego sigo sen "saber estar" (AÍNDA QUE espero seguir sabendo "ser") e teimo en facer sempre todo aquilo que ó millor era moito máis prudente e cheo de conveniencia manter envolto nun silencio que a mín, non sei por que, sempre se me antollou ignominioso. Déixenme que o pense.