Opinión

Fame de votar e bicarbonato

Aí veñen as eleccións! Seica de hoxe nun mes andaremos a reflexionar. Ó día seguinte o que faremos, o que deberemos facer, é ir votar. Farémolo? Coido que si. Con tempo que nos levou, ós hoxe máis vellos da nosa tribo galaica, non é como pra eludir, pasando de esguello das eleccións, o noso compromiso coa democracia. Hai anos, daquela que nun referendo houbo que votar cun “si” que se quede ou cun “non” que non se vaia; no escrutinio efectuado nunha cidade galega só houbo un “non”, eu coñecín a quen o emitiu; era unha muller ancestral e única; na súa aldeíña os hórreos tiñan un cranio de cabalo ou uns cornos de boi ou vaca, va ti sabelo, onde os demais tiñan pináculos, cruces… ou non tiñan nada. Pero ese élles outro conto… malia que debamos telo en conta; digo eu, malia que hoxe non sinta o máis mínimo desexo de dicir por que.

O que ven ó conto é a necesidade de votar. Xogámonos moito. O outro día, falando cun amigo que dirixe un xornal, explicoume que a liña editorial que se lle encomendara era, única e exclusivamente, dito así, sen máis, a de propiciar e defender o progreso social, viñera este de onde viñera. A min non me pareceu mal, nin moito menos. Pero sei que tal compromiso coa sociedade implica a perenne observación do tecido político e social co que se visten os diversos actores dun proceso electoral. Logo quedeime cismando, unha vez máis, na teatralización (déixenme dicilo así) á volta dun mes que hoxe é xa escaso, coa convicción que teño acerca de que ese progreso social débese, en ocasións á esquerda cando, noutras oportunidades, está en mans da dereita… se é que con tales denominacións pretendemos explicármonos a complexidade social do mundo no que vivimos. Así estanlle as cousas, se é tal como eu as vexo e debo consideralas; pero hailles algo máis, claro que o hai. 

A realidade social máis próxima a nós, non é só cuestión de esquerdas e dereitas; élles cuestión de saber quen vai tirar do carro durante catro anos devolvéndolles ás xentes a fe neles mesmas, a fe na sociedade na que disque vivimos malia que ás veces moito non o pareza. Pero non hei ser eu quen diga nin o que vou votar, nin o que deben votar vostedes. O que si digo é que ese voto debe ser precedido dun proceso, serio e o máis documentado posible; un proceso que axude a deterxer canto mide esa que pode que sexa unha inconmensurable distancia: a existente entre os ditos e os feitos; distancia que tantas veces pásasenos desapercibida en razón da neboeira mediática na que adoita vir envolta.

Deberamos comezar preguntándonos se tiñamos e temos, por exemplo, unha banca galega, se as nosas vellas empresas pesqueiras e de navegación o seguen sendo, ou non; se os estaleiros, as conserveiras, as industrias hidroeléctricas, non poucas cadeas de alimentación seguen sendo realmente nosas; logo e se acaso que sucede coas empresas lácteas e con outras realidades, a sanidade ou o ensino por caso, que pode que teñan sido o abondo cando non maltratadas si enalleadas, como pra que nos deteñamos a consideralo; logo podemos cismar en quen pode botar andar de novo o carro do “progreso social” da nosa sociedade galega e, de acordo coa reflexión, decidir que si haberá que votar e a quen haberá que lle dar a nosa confianza. O resto sería como ter fame e tomar bicarbonato, xa saben que o tal axuda moito a facer a dixestión… aínda as máis pesadas e indixestas.

Te puede interesar