Opinión

A filosofía e a mecánica de automóbiles

Lin non hai aínda moito días o nome dunha ministra do Goberno central que afirmaba algo acerca da Filosofía e da conveniencia de educar ós alumnos nos sentimentos. Non recordo o nome da ministra. Millor ha ser que non o faga. 

Ó millor a noticia é falsa, ó millor é un boato, como din os irmáns portugueses, quen sabe se o que ha ser é unha máis das moitas fakes news que os tempos do Trump-irato nos deixaron, quero dicir o ánimo de nos entreter con elas construíndo mundos que só sexan posibles, sen facer dano a ninguén, nos nosos pensamentos pero que, cando acadan a súa expresión física, material, poden servirnos sorpresas desas que nos fan desconfiar de que o ser humano sexa o ser racional que tanto propugnamos.

O caso é que non recordo a noticia exactamente e que tampouco non sei se iso, o contido que lle atribúo, porque é o que permaneceu e permanece aínda na miña memoria, sería o que o finado do Freud definiría coma un acto frustrado; pero ós meus anos iso non tería maior mérito, así que sigo.

Estamos aviados. Mentres o resto de Europa estaba sendo educada baixo o imperio da razón, en tanto que a Ilustración arrombaba coa especulación intelectual, a erudición e mailo argumento de autoridade, nós, os “españolitos que al mundo nos trajo Dios” continuabamos sendo educados nos sentimentos que son os únicos alicerces nos que se sosteñen os dogmas. 

Aínda hoxe os rapaces e mailos non tan rapaces senten como verdades todas as contidas nun credo xurdido do Concilio de Trento e así as aceptan, sen sometelas á máis pequena e necesaria análise, pois é unha cuestión de fe do que se trata, algo propio do sentir e iso reclama moito respecto.

Estudar filosofía no bacharelato por moi encamiñado que este sexa a unha opción profesional técnica non elude a necesidade de pensar e non só a de sentir. Un profesional do dereito ou da medicina, no nivel que sexa, precisa dunha formación humanística que só as humanidades lles poden fornecer. 

Se un mecánico de automóbiles ten que saber escoitar e polo tanto dialogar cos motores a través dos ruídos, das músicas se o prefiren, que estes emiten... que non terán que saber ler un médico ou un avogado, un profesor de matemáticas, ou un de bioloxía e con eles tantos outros, nos textos de exame dos seus alumnos e que non terán que lles aprender a estes pra que ese textos resulten non so lexibles senón tamén comprensibles e indicadores que nos permitan facernos unha cabal idea do nivel de aprendizaxe ou da capacidade de adquirir este por parte dun alumno, é dicir, que sexan lexibles e de doada interpretación pois estarán construídos coas palabras que chegaron onda nós dende o o fondo gris do tempo decantándose e purificándose ata dar nas que non hai nada aínda todos manexabamos, antes de os emoticóns estragaran os miolos dos ministros.

Te puede interesar