Opinión

"Foi a súa unha dedicación que non decaeu nunca", por Alfredo Conde, escritor

Cunqueiro con Cerezales, García-Sabell e Fernández del Riego.
photo_camera Cunqueiro con Cerezales, García-Sabell e Fernández del Riego.

Non foi sen tempo que se lle dedicara o Día das Letras Galegas a quen o inventou; é dicir que hoxe se conmemora, ou sexa, que se fai común memoria, da vida e máis da obra de Francisco Fernández del Riego e con el da de todos os pseudónimos que utilizou ó longo da súa longa existencia vivida cunha arela que lla ocupou por enteiro. Miles e miles de artigos publicados nos xornais galegos. Miles de páxinas de ensaios, dicionarios, antoloxías de toda índole… conforman ó seu labor e a súa dedicación a unha lingua e a un país como poucos exemplos máis poden ser (se é que hai algúns) parangonables co seu. Por ende foi o home que, co seu traballo,  fixo que Galaxia fose algo máis ca unha editorial ata convertela no símbolo dunha xeneración da que el mesmo formou parte.

É certo que Gómez Román e máis Ferro Couselo participaron na creación do Día das Letras Galegas. Tamén o é que, na creación de Galaxia, participaron outras xentes movidas polo mesmo amor ca el. Ramón Piñeiro ou Xaime Isla forman parte de esa equipa de nomes senlleiros que lle deron un sentido a este país en tempos de desolación; uns tempos nos que non conviña facer mudanza aínda que as circunstancias entón vividas así o reclamasen.  A vida no “interior” tiña certas complicacións das que carecía a levada no “exterior”. Ningunha era doada, certo, porén a vida nunha ditadura tiña tantos servidumes que non sería bo que foran esquecidos. A emigración e o exilio non foron prato de gusto. A dixestión da realidade no seo desa ditadura aínda reclaman hoxe o valor e a integridade que lles corresponde.

Non é mentira que ese labor ó que nos estamos a referir, o levado a cabo por Paco del Riego, foi secundando entre outros por Adrián Solovio, Cosme Barreiros, Salvador Lorenzana, Ronsel, Adrián Soutelo ou o do mesmo Alevin, pseudónimos todos eles baixo os que se agachaba a inmensa dedicación de Don Paco, que era como a máis da xente se refería a el cada vez que xurdía o seu nome no medio dunha conversa. Foi a súa unha dedicación que non decaeu nunca, mesmo despois do seu desprázamento de Galaxia e o abeiro que significaron a Fundación Penzol ou Artes Gráficas Galicia.

Xa se sabe que destas cousas é millor non falar -as veces non se sabe moi ben por que- pero as cousas non sempre son como son, como nos parecen ser, senón que a chamada lei de vida nos empuxa indefectiblemente a ela tal e como lle aconteceu a home tan significado como foi e aínda é e tamén é de esperar que o siga a ser Don Paco del Riego.
Disque o tempo pon todo no seu sitio aínda que non sempre suceda así senón todo o contrario. Logo dalgunhas conmemoracións de nomes sen excesiva relevancia no común eido da cultura galega, a deste ano, concretada neste día das súas letras no nome certo de Don Francisco Fernández del Riego e máis nos seus tantos falsos nomes, nos seus tantos pseudónimos, debidamente sumados todos eles, quede establecido un fulcro central, un punto de equilibrio que lle restitúan ó noso común acervo literario o nivel que, a dedicación e o inxente traballo levado a cabo por Paco del Riego, en verdade lle corresponden.

Te puede interesar