Opinión

Fóra lastre, cara a nada

Ando de promoción dun libro do que afirmo que contén respostas a preguntas que nunca se me fixeron e que moito me gustaría ter respondido no seu momento. O que non sei é se, de facelo, tería servido pra algo.

Na Biblia aconsellase textualmente o seguinte, agás a pésima tradución que eu poida facer: “Respecta o teu nome, porque el hate acompañar máis que mil tesouros preciosos. Os bens da vida duran ben pouco, a boa sona anos sen conto”. Tal consella ven no Eclesiastés (41, 12-13), reséñoo por se queren comprobalo. Non sei que decirlles.

José I de España, máis coñecido coma Pepe Botella, mantén aínda hoxe fama de bebedor empedernido e contumaz. Coñecida é a copliña que comeza dicindo “Pepe Botella, baja al despacho, no puedo ir que estoy borracho”, pero o certo é que se non foi abstemio foi algo moi parecido a elo e mesmo puido ser un gran rei que modernizase España poñéndoa á altura dos tempos.

Fernando VII, coñecido coma El Deseado, foi un pésimo rei, un traidor ó seu pai do que non se deriva, nos máis dos tratados de Historia, a traizón feita ó seu pai e o servilismo obsecuente co que se comportou con emperador francés Napoleón Bonaparte.

Tan debeu ser así como eu lles digo que o emperador francés, seu irmán, dixo del “fóiselle a cabeza, converteuse completamente nun rei! A fantasía de ditar ordes e de traballar non a tiña José máis dunha vez ó mes... crese un militar, e de talento”.

Tan debeu ser así que a razón do comentario reside no feito de que, unha vez rei de España, comezou a exercer o cargo en tal condición e velando polos intereses españois antes que polos franceses de xeito tan claro que lle permitiu ó seu irmán que “hoxe non daría nin un pelo do meu cabelo por ter a José en España en lugar de Fernando VII”. Non hai máis que ler a correspondencia de Fernando con Napoléon para comprobar ó que se debeu tal preferencia.

O Eclesiastés debeu engadir, digo eu con total respecto e sen pretender levarlle a contraria ó seu autor, que pasa o mesmo coa mala sona, coa mala fama dito sexa sí en beneficio dos neofalantes. Isto das paremias élles un saco que vale tanto pra un roto coma pra un descosido e confirma aquilo de crea boa fama e bótate a durmir. Que llo pregunten se non á memoria do rei felón que traizoou ó seu pai, ó seu país, á Constitución pola que xurou que camiñaría francamente... etcetera, etcetera, etcetera.

Entón porque escribín ese libro que non citei ó principio máis que por referencia? Pois direillo sinxelamente: por me quedar tranquilo e satisfeito, por soltar lastre, agora que este meu corpo equivale xa a un barco vello e precisa dunha navegación serena antes de arribar á nada. Conformaríame con que servise para que se me xulgase, unha vez trasladado ó mundo da verdade, polo que escribín e polo que fixen, e non polo que din que fixen silenciando os miles e miles de páxinas da lingua que máis amo e utilizo.

Te puede interesar