Opinión

Os habitantes de Región

Andamos a voltas cos escritores. Suso de Toro, bo novelista, preguntábase esoutro día de aí atrás pola disposición persoal de Juan Benet, referindose á actitude mantida polo escritor de cara a lle caer simpático á xente. Unha condición, un talante, unha disposición de ánimo que ó parecer lle negaba Carmen Martín Gaite. Benet foi habitante de Región, daquela xeografía mental nacida na súa imaxinación, acaso en razón dunha nenez complicada, vai ti sabelo, dígoo por dicir al; unha imaxinación tan quenturenta que o levou por exemplo e tal e como el facía, a atribuír o comezo da Guerra Civil Española a unha discusión, mantida no sobrado da casa, entre el e un seu irmán. Contándoo destilaba unha enorme simpatía. Os dous aínda eran nenos. A escena transcorría a rentes do tellado, o pobo alá embaixo. Oínllo contar cunha graza narrativa que non tiña nada que lle envexar á atribuída (e certa) ó noso Carlos Casares. Pero da súa narración desprendíanse cousas, verdades colectivas. Non é que eu tratara moito a Juan Benet, pero si algo. O abondo como pra dicir que, malia o seu aspecto de ser algo “estirado” -por dicilo en expresión que utilizaría Victor Freixanes (atribuíndolla non só a el mesmo e senón tamén a min- Juan Benet foi un tipo accesible e simpático de trato agradable e corrección formal que, en tempos victorianos, tería sido moi celebrada.

Eu padecín seis meses de algaradas estudantís, plenamente xustificadas, porque estando rematada a piscina do seu centro de estudos, o conselleiro de Deportes a mantiña pechada sen ser inaugurada. O conselleiro éralles eu, o director xeral de Deportes, Pepe Otero, pero quen abría a piscina sabendo, como se sabía, que unha pequena nevarada (non de todo imposible) unha nevarada dun centímetro de espesor, pousada enriba do seu tellado, podería botar o teito dela embaixo pillando a quen estivera a nadar ou simplemente contemplando o exercicio de tanto neptuno e sirena tanta?

Os cálculos foran mal feitos e corríase o perigo que se recorda. A responsabilidade era de quen fixera os cálculos. Que facer nós pola nosa parte? Unha misión a Marte estanpillárase contra o planeta porque alguén da NASA, en vez de ter feito os pertinentes cálculos en millas fixéraos en quilómetros, e, cando crían os directores de voo, que aquel aparatiño voador a tan longa distancia aínda estaba lonxe, o aparatiño xa estaba a piques de afociñar contra o planeta roxo...e contra del afociñou estragando así a misión. Que facer nós daquela, se seica nos USA non fixeron nada? Ó millor dirían vaia por Deus e a preparar outro envío ó planeta tan lonxano

Juan Benet, a quen eu xa coñecía de antes, era inxeneiro da empresa responsable da construción desa piscina, pero a encarga fora feita non por nós senón por quen nos precedera en tal responsabilidade; e aínda máis. Cando embarrancara o Casón en Fisterra eu estivera ó pe do cantil no que sucedera a desgraza, mentres chovía a Deus dala, de xeito que regresara á consellería, xa noite, mollado ata no máis íntimo. Pese a elo non me puiden secar. Tiña unha pila de papeis a asinar pra devolvelos, de mañá cedo, á deputación coruñesa, so pena de non cumprir o prazo concedido prá tramitación do expediente de construción de tal centro educativo. De non devolver todo debidamente asinado este centro non existiría nos prazos previstos. Non sei despois, pero non entón. Pasei a noite, a noite enteira, asinando papel a papel, pra non fallar nos prazos... e sospeito que pra non lle dar gusto ó entón presidente do organismo provincial que nos remitira aquela inxente morea de papeis xusto a tempo de provocar o incumprimento do prazo: un político que moitos cualifican como adicto á práctica da diplomacia vaticana, pero que eu sempre sospeitei que o foi moito máis á florentina cando non á veneciana. Ó rematar, xa coa luz do lusco e fusco ocupando as rúas, regresei a casa, ducheime, mudei de roupa, descansei un pouco e regresei ó choio.

Pasado o tempo, iniciado xa o uso da piscina, rematadas as exhibicións do alumnado, todo el en gran forma física (as súas manifestacións roubábanlle protagonismo ó circo de la Ciudad de los Muchachos) a empresa que construíra a obra, convidoume a xantar en mostra de agradecemento pola miña discreción evitando dar a coñecer as causas reais do retraso sufrido na inauguración. O convite tramitouno Juan Benet a quen, como xa dixen, coñecía eu dende finais ou mediados dos anos setenta do século pasado dende unha noite na que Ramón Akal e eu tropezamos con el e con Javier Marías.

Non sei ben a razón que me induce a recordar isto que acabo de contar. Acaso porque de algo hai que escribir e un está farto facelo sempre, ou case que sempre, arredor do cotián, do atormentado transcorrer destes nosos días pandémicos, politicamente algo podres en exceso. Pero tamén pra recordar ó Juan Benet que eu coñecín, un tipo agradable, bo narrador oral, amigo dos amigos, simpático e afable, quen de llas dicir enteiras a Felipe González nos primeiros tempos democráticos, anteriores a estes que non o son tanto, nun daqueles xantares ós que nos convocaba a algúns escritores pra que lle dixeramos o que pensabamos. Mentres uns calabamos e outros amosaban unha obsecuencia ingrata, Juan Benet dicía o que pensaba empuxando ó que acabaría presidindo o goberno de España a reclamar outras opinións distintas daquelas súas que, xa daquela, resultaban desacougantes, si, pero razón non lle faltaba como axiña se puido comprobar e seguimos comprobando.

Non sei, porque non lin o libro que recolle a correspondencia entre el e Carmen Martín Gaite, quen por certo tamén tiña o seu carácter, expresada acerca da condición persoal do habitante de Región e confeso admirador de Faulkner. Pero estou afeito a coñecer as opinións que uns escritores manteñen a cerca dos seus colegas en gran parte dos casos e, sen querer desautorizar nin a Martín Gaite, nin a De Toro, atrévome a romper unha lanciña en favor do gran prosista que foi Juan Benet, o máis grande habitante de Región.

Te puede interesar