Opinión

Hai homes, falta o home

Nestes días de confinamento forzado, que non é por nada pero que eu prefiro considerar de resgardo indicado, de abeiramento, que diriamos na nosa fala acaso máis a xeito que na outra, que tamén é nosa, pero que non nós serve pra moitas cousas, nestes días aciagos, dicíalles, levo relido algúns dos vellos e amados textos dos escritores admirados; textos que, de vagar, van caendo no esquecemento, de modo moi de lamentar, por certo.

Valoraba Chateaubriand moi positivamente o feito de que cando se representaban os personaxes de Racine, poñéndose os actores perrucas ó Lois XIV, os espectadores non se amosaban menos entusiasmados que cando o facían sen elas. A razón que el nos da é a de que se comportaban igual porque vían neles ó home e non ós homes. No orixinal, estas dúas palabras, home e homes, veñen en letras cursivas pero, como cada vez que as utilizo, as tales letras, e acaso debido ós misterios da informática se nos perden sempre polo camiño O fago constar, por se hoxe tamén sucede así e pra millor comprensión do que Chateaubriand nos indica.

Sucédelles o mesmo ós nosos vellos textos literarios, se lles podemos aplicar tal cualificación, pertencentes a autores que poden ir dende Otero Pedrayo a Risco, dende Blanco Amor ó mesmo Celso Emilio Ferreiro; este na súa condición de prosista, nunca tan valorada como a de poeta cando teño pra min que habería que tela moito máis en conta do que se ten. E como se ten? Pois tense, máis que esquecida, ignorada. Outro día se queren falaremos deso. Celso Emilio Ferreiro ten moi bos poemas, certo, pero ten aínda máis nos que a súa extraordinaria, a súa excepcional condición de versificador destaca por riba daquela; en fin, deixámolo pra outro día.

A propósito da consideración de Chateaubriand e aínda que noutro orde cousas sucédeme a min algo parecido. O que me sucede? Pois que me emociono cos personaxes dos textos de Don Ramón (e dos outros) moito máis e moitas veces en moita maior medida do que me sucede cando leo literatura actual na que vexo ós homes, pero non ó home, ó ser humano cabal e enteiro, unha vez posto no medio da sociedade que o abrangue e na que está debidamente ubicado de xeito que poidas recoñecer a un e a outra. Podería dar exemplos. Pero pra que?

Daquela literatura poboada de personaxes identificados cunha terra e cunha cultura a esta de hoxe, na que abondan os que non por pertencer a calquera sociedade moderna e actual sexan por elo universais, existe un foxo que é preciso atravesar, non dun salto, pero si a nado mentres o autor se lava e descontamina dunha "modernidade" falsamente entendida. Certo é que aquela sociedade rural desapareceu ou cambiou tanto que non a recoñece nin a nai ca pariu, pero non é mentira que a nosa sociedade urbana está ocupada por hábitos e sentimentos que demasiados autores novos confunden baseándoos no que pretenden unha estética universal que vai en detrimento dun "Élan" vital, máis ou menos dun espírito do que falaba Bergson, ue nos faga habitar o mundo ó noso e inconfundible xeito.

Te puede interesar