Opinión

Hai leis para todo, boas e malas

Hai persoas, moitas máis das que pensamos, que, cada vez que escoitan a palabra partoticracia, se botan a temblar coma se fosen o loro aquel do chiste que, chegada a hora de verdade, recoñecía estar temblando coma un novato. Non sei se acordan del, do chiste, pero tamén do loro, pero non serei eu quen llo recorde.

Adoitan ser xente da miña idade, ou por aí, que lle escoitou dicir a Fernández de la Mora que non votaría a Constitución (e non a votou) porque a consideraba xerme da partitocracia que efectivamente hoxe padecemos e que, dado tal antecedente, eles, tal xente, non podería coincidir con el baixo ningún concepto. Ouh, esta vella España! Nela todo é branco ou negro, azul ou roxo, do Barça e do Madrid!

Houbo outras xentes, servidor entre elas, que votamos que si porque unha partitocracia, un réxime no que o poder resida nos aparellos dos partidos, sempre nos parecerá millor ca unha democracia orgánica de partido único e liberdades restrinxidas. Con liberdade de prensa, con esta liberdade de prensa propia das partitocracias, sempre hai ben máis liberdades que nas ditaduras de partido único.

Mentres que o que fan as ditaduras nada máis se instalar no poder é pechar fronteiras, estacións de trens e aeroportos, emisoras de radio e de televisión, peiraos e calquera outro tipo de comunicación posible entre a cidadanía, as partitocracias -con todas as limitacións que conlevan- permiten que a cidadanía lea este xornal ou o d’A Coruña, vexa a TVG ou a TVE, El Debate ou El País, La Vanguardia o el Nós Diario e de vez en cando disfrute da ilusión de elixir gobernantes cando en realidade o que está facendo, no momento de elexir o voto, é delegar ese poder nun partido... ou noutro.

Criticar a partitocracia non é ensalzar o réxime que facía suspirar de satisfacción a Gonzalo Fernández de la Mora ou, quen di a el, di a calquera outro nostálxico do pasado coa cultura política necesaria como pra saber, cando todo o mundo ignoraba -por ignorancia uns, outros porque souberon elixir- en que raios consistía a partitocracia ou nem porque esta se lle antollaba unn agasallo en comparación co deica entón vivido.

As palabras as carga o demo. Mentres a República Federal Alemana era unha democracia formal, a República Democrática Alemana, era unha ditadura formalísima e puritana. A primeira citada non era, non o é, unha democracia perfecta. A segunda non foi, nin moitísimo menos, unha democracia. U-la diferenza? Pois caseque seguro que das leis que cada unha promulgue.

Hai leis que favorecen a comunicación entre a cidadanía e outras que a limitan, leis que promoven o desenvolvemento económico e outras que o coutan, leis que atenden ó ben da cidadanía e leis que o que promoven é o benestar do Estado e das xentes que forman parte do seu aparato, do seu mecanismo de actuación sobre o resto da cidadanía. Lamento non poder facer este tipo de consideracións cunha maior erudición e coñecemento, pero así son as cousas. Ou así as vexo e así as conto.

Dito doutro xeito, as leis son boas ou son malas, serven a uns ou serven a outros, dependendo de como e de quen as xeste, de como é quen as aproveite e, o que nos leva aprendido a observación da práctica política contemplada desde a altura dos anos que gastamos, as boas son aquelas que contemplan os intereses xerais e non os parciais e reducidos de grupos ou partidos.

Non se pode condenar a uns construtor por levantar un edificio de medio cento e medio de metros de altura, nun lugar inadecuado, porque o seu deber de empresario consiste en defender os intereses da empresa e dos seus traballadores e coa construción dese edificio está atendendo a eles. A quen haberá que culpar é a quen lexislou de xeito que fixo posible que ese edificio fose construído en beneficio dunha empresa e duns posibles ocupantes pero non do un grupo tan significativo de persoas como pode ser o habitante do lugar no que esa mole foi elevada.

Nas cámaras lexislativas as voces que teñen que ser escoitadas e atendidas son as da cidadanía, debida e correctamente trasladadas polos seus representantes electos que deberán ter que dar conta das súas actuacións na cámara diante dos seus electores, cara a cara, facéndoo a través dos partidos ós que pertenzan pero defendendo, antes cos intereses do partido correspondente, os xerais da cidadanía da que forman parte. Isto é o que se chama unha verdade de Pero Grullo, aquel infeliz que á man lle chamaba puño, é certo.

As posibilidades de erro son moito menores nunha democracia o menos imperfecta posible que nun sistema pseudo democrático ou decididamente totalitario. A iso debemos tender porque a cidadanía comeza estar farta da inxerencia do poder político, do poder dos partidos, no poder xurídico ou mesmo tamén no poder lexislativo. A independencia dos poderes, a posibilidade de que uns controlen e vixien ós outros, é imprescindible pró correcto funcionamento das institucións.

 Contrariamente ó afirmado por Alfonso Guerra, o que foi vicepresidente de Felipe González, Montesquieu non morreu, nin moito menos porque pra elo tería que telo feito, ben antes, a condición humana e tal condición non a vai cambiar, por moito que lelo se empeña, ningún réxime político ou relixiosa. Poderá embridala, sometela, durante un tempo máis ou menos longo pero esta acabará por se impoñer sempre cada vez que o que se pretenda sexa a busca do benestar e da liberdade de pensamento. Sempre foi así, todo ó logo da Historia e non vai resulta que vaia ser agora cando comece a deixar de selo.

Te puede interesar