Opinión

Homes de ferro, barcos de madeira

Nestes días ando embarcado, nunca millor dito, na redacción dunha novela que moito me fai recordar aqueloutra de Hemingway titulada "The Old Man and de Sea" que non vexo eu porque non a hei poñer así, en inglés, cando estamos fartos de ler en estranxeiro os títulos todos das cancións máis incomprensibles e estrañas. 

Cando lin a obra de autor tan consagrado e adicto a facer muescas na culata do seu rifle, durante a guerra, según ía matando nemigos, cento e pico seica chegou a facer nela, acabei ata a coronilla do vello, do mar, do barco, do peixe espada e máis do propio Hemingway. Se recordan ó vello cubano, seica era galego o protagonista real dos feitos, pelexou durante días cun peixe enorme que, se ben recordo, era un peixe espada, o que explica o tedioso da descrición da loita e o repetitivo que tal empeño pode resultar.

No que ando eu agora é no relato da epopea duns homes que vogaron ó longo de miles de millas náuticas ata acadar unha meta precisada de antemán. Aí lle doe. E vive Deus que as navegaron, todos metidos nun bote, catro vellos mariñeiros, todos metidos nun bote, voga, voga mariñeiro, imos pra Viveiro, xa se ve San Roque; que é por onde e por certo pasaron, non sei se cantando ou non, porque aínda non cheguei con eles ata aí que aínda ando polo esteiro do Adour, alá pola doce Francia.

Agás no treito de mar existente entre Arcanchon e Baiona, moi perigoso pra pretender recorrelo enteiro nun pequeno bote sen ter portos de arribada ós que se acoller en caso de apuro, de modo que o que eles fixeron foi navegar polo Garona e a canle lateral deste, primeiro, logo polo río Baïse e máis tarde polo Adour, ata se adentrar de novo no mar, os catro arroutados remeiros dos que se podería dicir o mesmo que en Islandia se dicía dos galegos (homes de ferro en barcos de madeira) son personaxes reais que limitan necesariamente o uso da imaxinación e aínda máis da fantasía. 

E porque lles conto isto a vostedes? Pois non llo sei moi ben. Quizás o faga porque veño canso de vogar polas vías fluviais, aborrecido delas, e precise desafogarme un pouco, ou un moito, previndo que ese cansazo acabe por contaxiárselle ós posibles lectores o día no que a novela vexa a luz. Se é que chega a vela. Ás veces penso que, esforzo tanto como o deses catro homes, teima tanta como a que a min está a me consumir no empeño de relatar a súa fazaña, so serve pra se medir un a si mesmo, non pra outra cousa ningunha. Entón non deixo de me preguntar a causa de que haxa xente así, coma os escritores e os homes de mar, sempre en busca de si mesmos.

Te puede interesar