Opinión

A hora de ulular das curuxas

Dentro dunhas semanas xa andaremos de novo coa hora cambiada. Aínda ninguén me explicou por que. Non é que non o saiba, que o sei. É que non o entendo. 

Imaxinen unha laranxa que teña vinte e catro gaxos. O tradutor ad hoc indícame que traduza gajo por porción. Pero non me peta. Así que imaxinen unha laranxa de vinte catro gaxos. Unha ducia deles constitúen o seu hemisferio occidental e, metade por metade, os outros doce compoñen o hemisferio oriental. Sigamos.

Cada gaxo do hemisferio oeste, o noso, este no que nós estamos, compón un fuso horario. Cada un dos outros, compoñen os restantes. Como a Terra está dividida, segundo convenio internacional universalmente admitido, en trescentos sesenta meridianos de un grao, se dividimos eses tres centos sesenta entre vinte e catro (o número de gaxos acordado) sáenos que cada gaxo abrangue quince meridianos e dentro deles as terras e os mares nos que o sol pasa ás mesmas horas

Os meridianos cóntanse, tamén por convenio, a partires daquel que, saíndo do polo norte, pasa por Greenwich e vai deica o polo sur logo de descender deica el pasando por Zaragoza... ou por cerquiña dela. Ese meridiano divide o gaxo cero en dúas partes de sete graos e medio. Os da esquerda son de lonxitude oeste mentres os da esquerda, dende un pouco despois de Zaragoza pra alá, son de lonxitude leste.

O espazo comprendido entre os 7,5ºW e os 7,5ºE compoñen o fuso horario número 0 GMT (hora media de Greenwich) mentres que os contados a continuación deles, e cada quince graos, compoñen os fusos horarios restantes de xeito que tódolos puntos da esfera terrestre comprendidos en cada gaxo, en cada fuso horario, teñan a mesma hora.

Tratar trátase dun convenio pero non se acordou porque sí. Acordouse porque as doce da mediodía corresponden ó momento xusto no que o sol pasa por enriba do meridiano superior de cada lugar intermedio de cada un dos fusos horarios. Nós os galegos estamos no fuso horario 1W mentres que o resto de España pertence ó fuso horario 0. Daquela nós deberiamos ter a mesma hora que teñen os portugueses ou os canarios por non nos remitir a irlandeses ou a islandeses e non porfiar falando dos sudafricanos. Os que viven nun mesmo gaxo, no mesmo fuso horario, deben vivir a mesma hora e vivila ó mesmo tempo.

Como eu xa vou maior aínda recordo a pregunta escoitada tantas veces todo ó longo da miña nenez: Ti que andas, pola hora vella ou pola nova? porque o cambio descompensaralle a vida a moitísimas persoas a maior parte delas campesiñas. Non ven agora a conto se foron razóns políticas ou económicas as que introduciron o cambio de hora adaptando a nosa ó horario de Berlín.

Quen teña ordenador na casa, iso que os máis finos chaman un Personal Computer, un PC, tecleen fusos horarios no servidor que estimen e comproben en cal "gaxo" vivimos os galegos; logo, se teñen tempo comproben as coordenadas xeográficas do Cabo Touriñan, por exemplo, e cotéxenas coas do Cabo de Creus. Dígollas eu pra que non anden a perder o tempo: Touriñán está ubicado na lonxitude 9º18'05''W e Creus na 3º19'20''E.

Se suman unha con outra verán que lles sae unha distancia entre ambas de 12º37'25''; é dicir que se, as oito da mañá dun día de inverno, un rapaz que viva cerca do cabo de Creus, se pon a esperar polo ómnibus pra que o leve á escola, farao á luz do día; mentres que o rapaz que viva cerca do Touriñán o estarao a facer, á mesma hora legal (que non á solar) en plena noite, cun frío que pela e, con toda probabilidade mollándose coa choiva.

Non haberá quen falte argumentando que este trátase dun exemplo extremo. Éo. Pero é un exemplo. Entre a costa levantina e a occidental da península ibérica hai ben pouco menos dunha hora de diferenza na saída e na posta do sol de xeito que os ritmos vitais son outros e alterados no caso dos galegos mentres non o son tanto no dos rapaces do Levante español.

Non se trata de impoñerlle ó resto do españois o noso tempo vital. Trátase de que o resto de España non nos impoña a nós o seu. Ós canarios non llo impoñen e non por elo deixan de ser españois e non por elo son millores, nin peores patriotas. As súas empresas funcionan cunha hora de diferenza coas españolas, sexan públicas ou privadas, e o mesmo sucede coas institucións, os centros docentes ou o inicio dos partidos de fútbol. Que terán os canarios que non teñamos nós?

Hai uns trinta anos que, chegadas estas alturas do ano, veño escribindo estas mesmas cousas. Xa se ve con que resultados. Ó principio deles era un tema case tabú e tiven que escoitar pouco menos que o tratar tal asunto era pouco menos quer alentar o que antano se chamou o arredismo, o separatismo.

Agora tamaña estupidez, parvada tamaña, xa non é tan doado que se escoite; pero o caso é que seguimos nas mesmas. Os fermosos e delongados solpores ós que tanta xente alude recorrendo ós do verán, seguirían sendo os mesmos e durando o mesmo tempo, só que nos inducirían ó descanso unha hora antes acomodando as nosas vidas ás do resto da creación de xeito que, os animais do día, seguirían cedendo a quenda ós animais das noite na gobernación do mundo á mesma hora que o fan en tódalas partes dese noso gaxo de laranxa. Ou é que alguén pensa que un moucho ou unha curuxa han ulular a mesma hora que lles diga o Goberno de Madrid?

Te puede interesar