Opinión

O inferno está empedrado de intencións

Ocerto é que a maioría das comisións parlamentarias, constituídas pra isto ou pró outro, argalladas con este motivo ou con aquel, cando se trata de investigar algo nunca adoitan chegar a conclusión algunha. Serven iso, iso si, pra dirimir diferenzas, contrastar opinións, escoitar o que xa se sabía e, excepcionalmente, enteirarse de algo que se descoñecía e que mesmo pode resultar interesante. Pero o de resolver algo, o de aportar solucións ou coñecementos que axuden a millorar o obxecto da investigación, iso, xa e fariña que vai noutra albarda. Sen embargo as comisións de investigación son necesarias. Malia que non cheguen a acordos, malia que nada resolvan, aportan datos e suxiren medidas que, doutro xeito, pasarían desapercibidas.
Hai a penas uns días a oposición parlamentaria actuante contra ou enfronte do Goberno de Galicia, solicitou a creación dunha desas comisións pra investigar entendo que o sucedido, o que está a suceder e o que sucederá no próximo futuro a causa da funesta pandemia que tanto levamos padecido e moito he de temer que a sigamos padecendo.
O grupo parlamentario que apoia ó goberno galego, maioritario na cámara, rexeitou a proposta de creación dunha desas comisións. O argumento no que se baseou a súa negativa foi, máis ou menos, o que consta no primeiro parágrafo: Non se teñen noticias de que ningunha comisión de investigación chegara a acordos ou aportara nunca solución de ningún tipo, polo menos, si é que eu lin ben, no seo do Parlamento de Galicia.
Quererá isto dicir que o que fallan son as comisións por si mesmas ou poderemos deducir que non son as comisións senón os comisionados, dun e doutro extremo do arco parlamentario, os que fallan. Se así fose, será debido a unha maldición xitana, algo consecuencia do vudú, meigallo feiticeiro ou simplemente cousa do demo que, xa se sabe, é moi amigo de cargar as palabras con pólvora seca. Non se sabe, nin tampouco non hai esperanza algunha de que poida ser creada unha comisión que o investigue.
A estas alturas do día de hoxe, coa lectura desta páxina a esta hora, non nos van quedando moitas opcións ás que nos agarrar pra podermos chegar a obter algunha conclusión pola nosa parte. A única que nos vai quedando é a de que, o que falla, non son as comisións senón as actitudes, os comportamentos habituais dos parlamentarios sexan estes opositores ou defensores do goberno. Ó millor, quérese dicir, pois ó peor o que fallan son as intencións. 
Se os deputados da oposición o que van buscando son erros e non causas e se os que lle prestan o seu apoio ó goberno do que se encargan non é de consideralas senón de simplemente negalas todas elas, mal se van poder evitar males maiores encontrando solucións que mitiguen desastres e sementen esperanzas...que é o que necesita a cidadanía, en vez de culpables de cousas que xa non teñen remedio.
O que sucedeu e que pode que siga sucedendo nas residencias dos nosos maiores, as causas de tanto desamparo como o que se padeceu en non poucas delas, deben ser coñecidas pra poderen ser atalladas. E hai moita desinformación. Tamén, cando menos en demasiadas ocasións, o que hai é moi pouca formación nas persoas que traballan nelas atendendo ós vellos... dito sexa así por quen é vello e non maior; é dicir, por quen isto asina.
Non se trata de menospreciar intencións. O inferno estalles empedrado con elas. Na inauguración dunha residencia de maiores, dependente da consellería ad hoc, a xente estaba feliz vendo o servizo e os alimentos que se lle estaban prestando ós anciáns. Mentres tanto, Benigno Moure, convidado ó acto, permanecía calado preguntándose como ían pelar as laranxas, por exemplo, ou trinchar uns espléndidos chuletóns, os máis dos vellos que xa non manexaban con presteza as súas mans. Tiren vostedes as pertinentes conclusións. Ás veces o millor non é o máis indicado. A maiores de que nalgunhas residencias dos vellos se produzan cantidade de faltas de atención e de profesionalidade, estas, só se poderán mitigar se son investigadas debidamente e, acto seguido, debidamente corrixidas. Perogrullo á man pechada chamáballe puño.
Unha comisión de investigación ávida de encontrar solucións e non culpables, urxida pro encontrar causas e eivas e non a quen acusar delas, formada ó tempo por uns e por outros dos seus compoñentes, pode e debe recorrer as residencias indagando e coñecendo a realidade e consultando as opinións dos que traballan honestamente nelas e saben e coñecen todo o que os comisionados ignorar.
Non fallan as comisións, que van fallar, o que falla é o espírito que as anima, a disposición de ánimo dos seus compoñentes, a concepción da política coma un arma arreboladiza a utilizar en contra dos adversarios, dende a oposición unhas veces, outras dende o goberno, nunca ou case que nunca a favor da cidadanía. E así a cousa non lles ten xeito. Nin llo terá, claro.

Te puede interesar