Opinión

Un invento que xa estaba inventado

Almorzo, eiquí xusto ó lado da casa, cun novo pero xa vello amigo; quero dicir, que xa non é un rapaz. aínda que lle saque anos e malia que non me atrevería a dicir que tamén experiencia. Máis ben diría eu o contrario. Trátase dun xornalista maduro e serio, que aínda por riba escribe ben, moi ben, pois é home lido deses que xa non abundan... se é que algunha vez o fixeron

Falamos de Feijoo e do que se vai atopar en Madrid unha vez que alí dea chegado. Ogallá o futuro ex presidente de Galicia dea atopado alguén coma el, coma o meu amigo, pra navegar por aquelas augas que todos sabemos procelosas. Vaino necesitar. Deica hoxe ninguén foi tan esperado en Madrid na mesma medida na que o está a ser el. Os navegantes, mesmo os bos navegantes, esquecen moi a miúdo as cambiantes condicións das augas. Esquéceno de xeito que pensan que estas han ser sempre as mansas do interior das rías en vez das bravas nas que adoito se axitan as máis das almas que han rodear a quen xa avisou que vai a Madrid coa clara intención de emprazar ó actual ocupante do palacete da Moncloa a que cambie de domicilio.

Veño de almorzar e séntome a escribir estas liñas que quixera repousadas e serenas. Fágoo pensando que, a seseira do vindeiro aspirante a durmir n’A Moncloa, debe estar máis que fervendo con tan só pensar que, unha vez en Madrid, quen sabe o que a Historia lle ha deparar; a todos nós con el, se, contando co previo permiso do tsar monclovita, tan afeito que está a saír sempre coa súa, nin el, nin o aspirante ó trono de Casado, se enteiran de que a realidade actual reclama un goberno de coalición entre os seus dous grandes partidos.

Máis dun cento de lectores, se é que tantos teño, andarán xa a cismar no moi precipitado que me amoso cando todo está por suceder; cando aínda non se pode afirmar que as cousas han ser certamente como as imaxinamos. Pois ben, a ese cento de lectores, ou máis, quen sabe, diríalles que sexan cales sexan os protagonistas, algunha vez, neste vello país teremos que afrontar a experiencia de que esquerda e dereita gobernen xuntas, se coaliguen, na execución dun proxecto que nos atinxa a todos.

Chegado o día, ese invento non será noso. Xa foi inventado e posto en execución en moitos outros países. Do que sí se trataría sería dun novo estreo, dun novo intento de cohesión, que a moitos pillará por sorpresa sendo como é tan necesario pra dar cabo da guerra fría civil que vimos mantendo dende hai xa demasiado tempo. Según a navegación que se prevea, según os tempos que se adiviñe que nos esperan pola proa, han ser os pilotos, según estes as tripulacións e os barcos. Non se cazan baleas con expertos ó curricán, senón con arpoeiros e vixías que dende a cofa, antano coñecida coma o carallo, sexan quen de avistar os cetáceos outeando horizontes que prós máis permanecerían pechados. antes de que todos nos vaiamos... á cofa. 

Te puede interesar