Opinión

Unha inxección como as de sempre

A lectura da Historia infórmanos, ou confírmallo a aqueles dotados de maior capacidade intuitiva -cando non de ser quen de observar, de axexar millor, a realidade da nosa condición- que os pobos coinciden nas súas prácticas relixiosas en diversos e non sei se realmente insospeitables extremos. Cales? Pois por exemplo os sacrificios, a utilización do incenso ou de outros equivalentes, os axunos, as mortificacións corporais, as ofrendas votivas, etc. etc. ou o que ven sendo máis práctico, completen vostedes a relación na medida que poidan ou reneguen dalgunha das que quedan citadas.

Montaigne, como non, tamén se refire nos seus Ensaios a esta tendencia humana e aínda engade que o uso da circuncisión tamén é practica pouco que menos que abominable pois, según el, non consiste máis que nun castigo. Non sei que dicirlles. Logo Montaigne espállase explicando ou confirmándonos que acaso sexa posible que nos asista a razón -ós pertencentes ó xénero humano- cando cualificamos o feito de procreación de algo tan necio coma un novo ser, ou de vergonzosas as partes que interveñen nese acto. Montaigne era moito Montaigne; de seguido confesa que as súas propias e pudendas partes están, a altura dos seus anos, vergonzosas e tristes.

Esta última e sempre lamentable situación non o exime de seguir axexando a realidade, pero coido que non debo seguir citándoo, alomenos por hoxe, pero si recomendándolles que lean, se a ben o teñen, o capítulo III dos seus Ensaios titulado “Encol duns versos de Virxilio”… porque haber sempre hai quen bendice a morte logo de maldicir o nacemento.

Este meu novo regreso á Montaigne ven producido pola lectura dun artigo do inefable Alfonso Ussía no xornal que dirixe Bieito Rubido. Xa lles recordo, moi a miúdo, que a min me aprenderon dende neno a comer de todo. O neto de Muñoz Seca refírese nel, cita nel, o comentario dunha secretaria de Estado nomeada que é, ó parecer, como Pam que se laia de que “é un escándalo que o setenta e cinco por cento das mulleres españolas prefiran a penetración á autosatisfacción”. A de barbaridades que se me veñen a min á miña cabeza. Pero quizás pra compensar a pedantería derivada de tanto recorrer a Montaigne vou recordar unha conversa, mantida hai máis de medio século, por dúas señoras responsables do gardarroupas do liceo-casino dunha cidade galega. Aí lles queda.

Unha delas comentou, mentres ía colocando gabardinas e gabáns, que agora (anos sesenta do século pasado) xa non se levaban as vacas ó boi senón que se lles puña unha inxección e quedaban preñadas diríase que case que de contado. A súa compañeira de traballo respondeulle que si, que así era, pero que o que ela non sabía era que xa había tamén unha inxección destas que valía prás mulleres.

A que encetara conversa tan ilustrativa dun tempo e dunha realidade, quedou calada e pensativa mentres acondicionaba un sombreiro borsalino no lugar correspondente, ata que se lle iluminou a cara e ditou sentencia: “Si, muller, si pero inxección como a de sempre non che hai quen a millore”. E aí quedou a cousa. O que tal vai de onte a hoxe e dunha muller a outra. 

Te puede interesar