Opinión

Os inxenuos fan os cambios

Son dos inxenuos -ou dos directamente parviños; pero outros dirán que equidistantes- que desexarían un goberno de coalición entre os dous grandes partidos. Trátase dun desiderátum, ben o sei. Ó millor teño que facermo mirar.

A pra min desexable coalición, implicaría o decidido propósito de reformar a Constitución do 78; ou sexa, un desexo de levar a ramo unha reforma sen a que todo ha continuar tal e como o está, agás que o máis que probable ha ser que todo vaia a peor. 

Pode que os que pensamos así sexamos equidistantes e melifluos (o de melifluos é por dicir algo) pero non teño dúbida ningunha de que os que de entrada rexeiten tal posibilidade son ou uns inconscientes ou uns ignorantes, malia que a culpa non recaia directamente no exercicio das súas (i)responsabilidades. Só con tal reforma podería (e debería) formar goberno o partido máis votado e deixaría de ter vigor, o vigor que actualmente ten, a falacia de que debe formar o goberno a lista máis votada porque non é a lista máis votada quen deba gobernar senón aquela que conte coa maioría do pleno. 

O presidente do Goberno non o eliximos os electores, son os deputados quen o fan. Pero que xefe de partido vai renunciar ó privilexio de descolgar o teléfono e dicirlle a Pepiño que non prepare os papeis que desta volta non vai ir nas listas, e colga? Logo volve descolgalo e chama a Xanciño e dille que si, que prepare os papeis que agora tócalle a quenda. 

Por iso tampouco non somos os electores os que eliximos os deputados senón que é o partido, fundamentalmente na figura do seu secretario xeral, quen o fai. Só así se pode chegar ó nivel de deterioro institucional que padecemos. Ou é que a cousa non está algo deteriorada, a convivencia estragada e “a funesta manía de pensar” reinstaurada dende hai anos? Crer é unha cuestión de fe e, o acto de crer, unha cuestión que atinxe máis que nada á vontade. Pensar, en troques, exixe uso do razón e implica un esforzo que non todos están dispostos a afrontar. O problema é que cando a política é case que unha cuestión relixiosa a cousa pode chegar (repásese a Historia) a estremos indesexables.

Nese incrible entendemento institucional cabería engadir a reforma da lei de partidos, tamén a de financiación que os regula, a lei de D’Hont, impor as listas abertas e a presentación ás candidaturas prás alcaldías dun só candidato que, unha vez elixido, designaría a equipa da súa confianza e non a que se lle impuxera dende o partido invadida de adeptos designados sen maior valor aportante que o da súa militancia partidista. E algunha outra cousa máis, naturalmente, pero que queda para outro día porque tampouco non hai por que pasarse.

A verdade é que a inxenuidade de moitos, ou de poucos pois tanto ten, resulta que é a que bota a andar os cambios e conleva benestar á cidadanía. As sociedades son entes vivos e cambian cos anos de xeito que as leis hai que adaptalas ás novas realidades sociais. Sempre foi así e non vai deixar de selo agora. 

Te puede interesar