Opinión

As leccións das vellas fotografías

Non moi a miúdo, pero dende hai uns meses e de cando en vez, entretéñome na contemplación de vellas fotografías familiares. Chegaron ás miñas mans dende as dunha querida e tan chorada defunta que pasou á considerada millor vida non hai aínda nin sequera un ano. O mundo tamén comezou a cambiar dende que podemos almacenar instantes que pasaron quedando rexistrados nas que, pasado tamén o tempo, chamamos fotografías. Non hai nada , século e pico ou pouco máis, isto era posible. Mesmo na miña mocidade, na mocidade dos da miña quinta e aínda doutras, había xente convencida de que non debería deixarse fotografar co case que inevitable inconveniente de que “lle roubasen o alma”. Algo diso debería ser certo.

Na escolma fotográfica de cada un de nós, sen que a penas nos decatemos delo, imos deixando farrapiños dos nosos sentires e mesmo tamén dos que consideramos os sentires das xentes que sempre nos dixeron algo. Desta que poderíamos chamar unha verdade intrafamiliar, agachase outra que deixa intuír o alma de quen escolmou uns instantes e non outros. Dígoo porque cotexo as fotos que gardou a miña irmá parangonándoas coas que levo gardado eu, de xeito que malia a súa coincidencia co tempo e os lugares, coas xentes e as situacións, descóbrenme cousas que ignoraba porque non reparara nelas. 

Isto de reter imaxes das xentes ou de nós mesmo élles cousa de moito milagre; pero tamén de insatisfacción ó mesmo que tamén pode ser razón de que a tenrura, acompañada, cando non da melancolía si da inadvertida consciencia da realidade que unha ollada, un lene sorriso ou calquera outra linguaxe corporal sinalan. Aprender a lelas pode levar anos. Seino porque, a altura dos meus, aínda ando a recibir as leccións correspondentes.

Remexan, aqueles ós que estas liñas lles indiquen algo e que así o decidan, as vellas coleccións de fotos e, logo e se poden, compárenas coas gardadas polas xentes de seu, sempre as máis amadas ou, ben polo contrario, as máis temidas. Case que sempre poderán comprobar que toda realidade é descritible dende moi distintos ángulos e sempre pode ser gardada nos máis íntimos e inaccesibles recunchos do corazón de cada un de nós… ata que unha foto poida revelármonolos.

Acórdanse de cando na pantalla do cine se nos ofrecía un primeiro plano da cabeza dalguén que, de costas a nós, estaba a falar cunha persoa que o escoitaba atenta e respondíalle de contado? A cámara íase acercando a este segundo personaxe, ata que lograba un gran primeiro plano seu, mentres seguía coa súa disertación, acórdanse? Recordan tamén como moitas das xentes maiores que o contemplaban inquietábanse ó pensar que se estaba a dirixir a elas? Pois algo así sucede cando contemplamos esas vellas fotos ás que me refiro, pero a sorpresa consiste en que, efectivamente, nos están a falar de feitos e sentimentos que no seu momento non percibimos. Entón sabemos de certo que aquel medo de que se lles roubase senón o alma si partes importantes dela era real e respondía a unha certeza que só o paso dos anos acada a revelárnolo. E por se non fose abondo tamén nos revela partes do noso propio sentir e que ignorabamos. 

Te puede interesar