Opinión

O leite da nai da lingua

Son dos que pensa e sostén que o que Demetrio escribiu respecto do estilo e o que escribiu Lonxino sobre o sublime, o dun e máis do outro, está (ou é) de plena actualidade. Pode que haxa quen pense que vou con moitos séculos de retraso, pero é así e non o vou negar.

Xa saben que estes días ando relendo a Chateaubriand e que, noutras ocasións, recorro unha vez máis ós escritores franceses e a quen leo é a Montaigne, nutríndome deles e aceptado o que a moitos se lle ha resultar obsoleto. Certo é que non sei se é a procesión ou se é a profesión a que vai por barrios, pero cando toca un arrabalde francés evoco a don Carlos Vázquez, o fundador da Librería Tanco, que foi o noso profesor de francés no Instituto do Posío e nos aprendeu a amar a literatura dos franceses e que, malia que algúns o neguen, adoito ser dunha canina fidelidade ás cousas que me fascinaron dende moi cedo; de entrada a obra literaria deste dous escritores citadosO caso é que non sei se será porque ando con moito retraso ou se, ben polo contrario, vou algo por diante, cando sosteño que Demetrio e mailo falso Lonxino, as súas consideracións sobre a arte literaria, acerca “do sublime” e máis acerca “do estilo, son de plena actualidade e que o mesmo sucede con “Ensaios” ou se me apuran coas apreciacións que nos deixou Chateaubriand. Porei algún exemplo deste e poderemos relear, vostedes e máis eu, respecto da opinión que o sinalado nos merece.

Di o primeiro dos dous franceses citados: “Soster que non hai arte, que non existe ideal; que non hai que elixir, que hai que pintalo todo, que o feo é tan belo coma o belo, ven sendo unicamente un xogo de inxenuos nuns, unha depravación do gusto noutros, un sofisma da nugalla naqueles, da impotencia nos de máis alá”. Agora, antes de volver deixar que sexa Chateaubriand que me escriba medio artigo de hoxe, recordemos que Mao, Mao Zedong, o mesmo que naqueles chorados sesenta coñeciamos como Mao-Tse-Tung, o autor do “Libro Roxo” sostiña que “ revolución está na forma”, agárrenme esa mosca polo rabo. Regresemos agora ó bretón recordando outro orde de cousas, estas verbo da lingua. Xa saben o enliados que andamos nós con estas cousas que tanto afectan ó noso comportamento, manifestado tantas veces, tantas e tan desafortunadamente, como pra concordar con Xosé Gonzalez cando afirma que pensar que a galeguización de Galicia íase acadar grazas á literatura trátase dun erro. Agora ó de Saint-Malo:

“Nunha literatura viva, non se xulga a ninguén competente máis que nas obras escritas na súa propia lingua. En van cremos posuír enteira e profundamente un idioma estranxeiro, fáltanos o leite da nai, así como as primeiras palabras que ela nos aprendeu no seu seo e na nosa lingua; algúns sotaques só pertencen á patria”. Relacionense unhas consideracións e outras, algunha cousa sacaremos en limpo. Penso eu.

Te puede interesar