Opinión

Lembranzas de cando tiñamos perrera

Entón, ó mesmo que hoxe lle dicimos flequillo sen ningún rubor, diciámoslle perrera que é a palabra de nós, a nosa, esa mesma que xa temos esquecida. Eramos nenos que viviamos na rúa  d’O Progreso, entre os Salesianos e o convento das Adoratrices, Feijóo diría de nós que éramos niños bien, xente de ben, que xogabamos ó fútbol por onde hoxe se accede a un aparcamento que está xusto embaixo da que coñeciamos como a Alameda do Cruceiro. A unha beira dela estaban a casa dos Taboada Chivite e a Academia Bóveda que é ben doado atribuír a quen a rexentaban.

As pelotas de goma eran un luxo que duraba ben pouco; sempre se pinchaban á terceira ou cuarta patada que se lle dera, malia que esta fora propinada coa delicadeza dun changüi que era como lle diciamos ó pelotazo propinado do empine do pe. Acercabamonos a un coiñal que o Miño fora pousando ó longo dos tempos na ribeira do campo dos Remedios e nos afaciamos co coio máis redondiño que atoparamos. Máis tarde iamos envolvéndoo, pouco e pouco, coas páxinas de La Región, dándolles un xeito o máis esférico posible ata acadar certo volume e a redondez que máis puidera recordar a unha pelota. Lograda esta apertabámola cun bramante dos usados polos zapateiros e xa tiñamos o noso balón de fútbol. Outras veces xogabamos á billarda; tamén ás veces, poucas a verdade, alguén aparecía cun balón de badana, daqueles que se pechaban, logo de inflarlles unha bolsa de goma que levaban dentro pero duraban pouco e o cordón co que se pechaba a bolsa, mancaba se lle dabas de cabeza e tiñas a mala de darlle xusto nel. Según a época do ano tamén xogabamos ó trompo e millor se este era de buxo e a brenza, a corda coa que envolvelo, era de calidade e duraba uns días. Xa lles dixen que eramos niños bien, nada que ver cos niños de la calle. Pense o lector dos nenos que non eran ben.

 Chovera, ventara ou o neboeiro viñera polo Miño abaixo envolvéndoo todo, polas mañás, camiñabas camiño do Posío con independencia do frío e dos sabañóns ós que tamén coñeciamos coma frieiras. Certo tamén que nas aulas do noso Instituto os radiadores da calefacción nos quentaban o corpo, ata a veces adormecernos. Chegabamos ó Instituto. logo de recorrer a Rúa de Colón, abeirada de braseiros. Puñanos ó pe dos portais das casas mentres non se consideraban prendidos de todo e non ameazaban a ninguén co seu fume velenoso que tanta xente se levou por diante envolvida nun soño tan pracido coma dramático. Era un contento velos e o arrecendo das carqueixas cos que botaba andar o lume inicial, ata che daba unha certa alegría que se diría impropia da húmida friaxe que o envolvía todo.

Agora que somos vellos e xa imos despedindo a máis dun compañeiro que consumiu o seu tempo vital, o último foi Luis Ceferino que foi a persoa máis boa e de millor corazón que levo coñecido, evocamos aqueles días e acabamos sempre cunha cantinela que sei que non comparto por enteiro: a de que os nosos fillos -e que dicir dos nosos netos- serán os primeiros en vivir peor do que nós vivimos e razón non nos falta moita. Pero hai algo que non casa.

En toda a provincia había un Instituto de Ensino medio. Hoxe só en Ourense capital xa hai máis, ben máis, que os que había daquela en Galicia enteira. Hoxe os autobuses trasladan ós rapaces ós seus centros escolares e se chove ou ameaza con facelo xa se encargan os pais de ir recollelos nos seus coches, non vaia ser que se mollen e pillen un catarro. Nas aulas non se suman os noventa e catro alumnos que fomos nós en coarto de bacharelato. Son pequenas consideracións estas miñas que me atrevo a llas ofrecer hoxe aínda a risco de ser mal interpretado. 

Os rapaces de hoxe viven millor, moito millor e en maior número, que os nenos ben dos que falabamos ó principio. Afortunadamente. A imaxinar outros. Cando a mili que eu fixen ós vinte e cinco anos de idade, había unha brigada enteira de cen mariñeiros analfabetos. O dez por cen dos mariñeiros do meu reemplazo. O mundo, nalgúns aspectos, cambiou pra millor. Sen lugar a dúbidas. Falamos de como era a sanidade naqueles días? E a docencia? E as viaxes?  A sociedade millorou e tamén o fixo pra eles aínda que haxa quen aínda non se decatara delo ó día da data.

É certo que os rapaces quéixanse, por exemplo, de que os seus soldos son inferiores ás pensións dos xubilados. De que xubilados nos falan? A que xentes se refiren? A cantos pode atinxir tal comentario? Certamente hai pensións que responden a el, ó comentario, pero esquecémonos de que as pensións non son un agasallo que os gobernos, sexan de babor ou de estribor, lles fan a eses xubilados senón a devolución de parte das cotizacións, dos préstamos, que durante trinta ou corenta anos, os xubilados tan favorecidos como pra axudar ó razoamento, reciben logo de pagar trabucos tan elevados  como poden ser considerados caseque a metade dos seus soldos. Naquel tempo, os mozos, pero tamén os nenos traballaban e non poucos o facían a mantido. Non había Erasmus nin saídas ó extranxeiro que non foran empuxados pola necesidade de emigrar.

Unha voda, unha doenza grave, unha viaxe, a fractura dunha perna, calquera gasto inesperado, implicaba un tala de piñeiros, a venda dunhas terras ou calquera outro esforzo que debían afrontar as familias pra poder saír do paso. Os médicos establecían avinzas cos seus pacientes: un ferrado de trigo anual, por exemplo, a cambio das visitas que médico realizase desprazándose ata as casas. Razoamentos coma o que se cita poden facernos perder pe. O Estado atende hoxe as situacións que antes se podían considerar como de moi difícil superación. Esquecémonos, facémolo a miúdo, de que somos privilexiados, de que vivimos na Europa, sendo esta o lugar do mundo de maior democracia, de maior nivel de vida e de cultura, na que as liberdades son moito máis sagradas que noutros moitos lugares do planeta. Isto é así por moi deterioradas que hoxe estean ou así se nos manifesten a non poucos deses vellos que, precisamente, vivimos na ditadura. Hai que mirar sempre adiante a partires da realidade actual, sen esquecer que, de momento, o futuro non é máis que o presente que desexamos. Pero ás veces cumpre tamén mirar pra tras nosa non vaia ser que perdamos pe e nos afoguemos sen caer na conta do que está pasando.

Te puede interesar