Opinión

Ler de todo, comer de todo, tragar o que anoxa

Ninguén o diría, véndome hoxe, pero eu de neno funlles moi mal comedor; por exemplo, non lles era quen de mastigar a carne. Facelo provocábame bascas, que era como se lles dicía antes ás que, hoxe e con toda naturalidade, lles chamamos náuseas. Xúrolles que non había modo, asegúrolles que non era quen de tragala. Hoxe, en troques, xa trago de todo. Débollo á miña nai: foilles unha gran pedagoga. Aprendeume a comer de todo. Tamén a ler de todo. Élles hixiénico e conveniente e moito axuda á comprensión de todo humano porque (así o aprendemos tamén de nenos) nada do humano nos pode resultar alleo. Certamente a cousa non lles é de agora, ven de lonxe. “Homo sum, humano nihil a me alienum puto”, según consignou no seu tempo Publio Terencio Africano. Hailles que comer de todo e hai que ler de todo e habituarse a ler mesmo todo aquilo que contradiga o teu pensar obrigándoche á reflexión e mesmo, chegado o caso, a aceptación do antano negado ou, cando menos, a respectalo.

O pasado día 28 do mes de santos -así se lle dicía antes ó mes de novembro que acabamos de deixar atrás- no periódico dixital que dirixe Bieito Rubido, viña un artigo de Alfonso Ussía no que, con todo dereito e asistíndolle toda a razón, evocaba a morte do seu avó, Pedro Muñoz Seca, o autor de “La venganza de don Mendo”, a cuarta obra de teatro da literatura española máis representada xunto co “Don Juan Tenorio”, “Fuenteovejuna” e máis “La vida es sueño”. Muñoz Seca foi fusilado en Paracuellos del Jarama, nun funesto episodio no que tamén o foron uns cinco mil cidadáns madrileños polo simple feito de non pensar do mesmo xeito que pensaban os seus executores.

Ussía é un reputado columnista, disque o máis lido da prensa española, disque, pero non serei eu quen cuestione que conta con todo o dereito que lle asiste pra denunciar tal feito, ano tras ano, no mesmo dia da data do fusilamento do seu devanceiro facéndoo dende a dereita, quero crer que máis civilizada, botando man dunha memoria histórica que, neste país e mesmo desde esa dereita máis civilizada, se lle segue negando ós netos de miles e miles de avós ós que lles deron terra en tantas foxas comúns, en tantas, como pra facer de España o segundo lugar do mundo no número delas, logo da Camboia dos xemers roxos. 

A Lei do Funil, pra ti o estreito e o ancho pra min, segue vixente nos corazóns de aínda demasiadas xentes. Tódolos mortos teñen dereito a ocupar a terra sacralizada baixo a bendición das fes que profesaron. Todos. Haberá que agradecerlle a Alfonso Ussía que, unha vez máis, deixara este feito en evidencia malia que aínda non estea debidamente levado a cabo en moitas máis ocasións das debidas no caso dos avós do espectro ideolóxico contrario. A memoria histórica abrangue, debe abranguer sempre, a uns e a outros. Miles e miles de cidadáns, dunha e doutra fe, dunha e doutra ideoloxía, foron vilmente asasinados se é que se me permite a utilización deste término que ó parecer só se pode botar man del dun lado do espectro histórico.

Logo e no mesmo diario lin como, o meu admirado columnista Luis Ventoso, se preguntaba se un ultra será o que defende a unidade de España, o orden constitucional, a familia tradicional, as lindes territoriais, o idioma español, o legado histórico, a seguridade xurídica e a impronta cristiá. Lin toda esa restra de preguntas e agora pregúntome como é posible que eu poida pensar de min mesmo que sexa un ultra e de selo, sen sabelo, tan só por indución e sen que me atreva a considerar como se produciu esta.

Dígoo porque eu defendo a unidade de España malia que non a entenda como ó parecer a entende unha parte importante da cidadanía á que lle recoñezo o mesmo dereito que me recoñezo a min a pensala e desexala arredada daquela concibida como unha, grande e libre; é dicir, menos próxima á concepción borbónica e máis achegada á respectada pola dinastía dos Habsburgo. Polo que pido o mesmo respecto que sinto por aquela outra e máis negadora concepción do que eles chaman “a grandeza de España”, tan vida embaixo dende a arribada forzosa de Felipe V. 

Tamén defendo a Constitución, faltaría máis, malia que sospeite e defenda que necesite algún que outro retoque, algunha emenda ou reforma, dado que esta de hoxe xa non é a mesma realidade que a de hai corenta anos. Que dicir das fronteiras, que son as que son? E da familia cando tantos españois a viven de distintos xeitos igualmente respectables? Ou é que é máis española a defensa do concubinato como estabilizador de tanto fracaso, grazas á existencia da amante antano chamada mantida. 

E do idioma español que non só é un senón que son varios, entre eles este meu e galego no que escribo, que non serei eu quen diga del que non é un idioma español e que vou dicir e facer máis na súa defensa pra que se me entenda? En canto á seguridade xurídica xa me gustaría que estivese máis e millor defendida, pero todo se andará... ou iso espero. 

No referente á impronta cristiá, recoñezo que teño amigos, amigos españois, que optaron por outras concepcións relixiosas e ós que non por iso lles vou negar o seu dereito a ser e sentirse tan deste país coma min mesmo, que non teño práctica relixiosa e non por elo deixo de sentirme posuidor dunha formación xudeu cristiá da que non renego, nin moito menos, a non ser que o concepto de cidadán volva estar restrinxido a un único xeito de entender a práctica relixiosa, o concepto de unidade e tamén o de familia tradicional ou o de describir e intentar comprender a historia de España, o seu legado, afectado de tantas ocultacións, falsidades e mentiras como todas as que levamos visto sendo.

Hai que comer de todo na mesma medida hai que ler de todo porque, grazas a elo, aprendes a tragar mesmo o pensamento que anoxas e che produce bascas porque respectándoo podes esixir que se respecte o propio teu. Ou esa é a esperanza que nos queda. A iso é ó que se lle chama convivencia. Así o penso, pero ó millor é que son un ultra.

Te puede interesar