Opinión

Libros de obrigada contemplación

Se os plans de estudos maiormente deseñados pra que os estudantes comprendan as máquinas, os intríngulis algorítmicos, as hipotecas subprime e toda unha balbordo de teorías, métodos, aceptacións e sometementos colectivos, mesmo resignación e unha correcta contemplación das distintas pantallas, analóxicas ou non, que a sociedade nos ofrece; se os plans de estudos servisen e fosen deseñados pra que os cidadáns en cernes comprendesen o mundo no que viven, abranguéndoo con coñecemento e cos efectos derivados dese coñecemento, sabendo de onde veñen e cara onde son encamiñados, se iso fose así, este noso e pequeno mundo, sería outro.

Nese mundo e nalgún nivel do ensino, non sei se no último do bacharelato ou no primeiro ano de facultade, fosen de ciencias ou de letras, de negocios ou privadas, sería de lectura obrigatoria non sei se todo o libro pero si partes substanciais do que eu ando a ler nestes días de afogos caloríferos, choivas que non enchen os encoiros e prezos disparados cara enriba e ata o disparate e mailo desespero conxuntados.

Falando del, falando deste mundo cunha miña filla, dicíalle eu que non nos deberemos equivocar, nin nós nin eles, en que a sociedade que lles legamos, esta da que falo, fixémola nós... no bo e no malo. Só nós sabemos de onde partimos e a onde temos chegado. Só nós non ignoramos de que mundo vimos e só nós somos responsables do mundo que deixamos. Por iso, digo eu agora, só nós poderemos explicar como era o mundo que deixamos pra nos instalar neste que a eles, á xente que deixamos tras de nós, tantas veces se lles antolla incomprensible e disparatado, cando non suicida.

François Mitterrrand, presidente que foi da República Francesa, ordenou que en todos os despachos das institucións e organismos públicos de Francia, estivese exposto e ben á vista un exemplar do “Ensaios” de Montaigne. Pretendía así, según eu coido, que os funcionarios públicos non esquecesen a condición humana. Quizá o libro ó que me veño referindo, sen citalo, debera ter un tratamento idéntico e ser tamén de obrigada contemplación, lectura e aceptación pola nosa clase política reinante, pra que non esquecesen quen fomos e que se así somos agora é consecuencia ineludible e inesquecible do lugar do que provimos.

Estoulles falando dun libro que ando a ler como se bebera grolos de auga manancial e fresca nun día abafante e tórrido do vrao. Escribiuno Olegario Sotelo Blanco, titulase “Quintela de Mazaira. Terra e xente”. Dende as vellas e lonxanas lecturas dos libros de Lisón Tolosana, Manuel Mandianes ou Marcial Gondar eu non volvera ler nada que me explicase como somos, nós os galegos, como este libro mo explica e mo fai ver. Quizás sexa así porque Sotelo Blanco ten a vivencia pura e non contaminada do que viviu e amou e chegada a vellez describe con palabras sabias e sinceras. Léano verán que é certo isto que lles digo.

Te puede interesar