Opinión

Lorca, o galego e a sobriña-neta de Montes

Aconsellaba Joubert non elevar aquilo que fose fráxil porque facelo é tanto como expoñelo a que caia. Mágoa non telo lido antes. 

Hai moitos anos, acaso xa abondo como pra que tal práctica comece a decaer dunha bendita vez, que no ámbito cultural que nos é propio se adoitou o hábito de elevar moitos prestixios fáciles, algún mesmo inmerecido; un hábito que levou non a que os prestixios se viñeran embaixo, que va, senón a debilitar en medida innecesaria non ó chamado sistema literario galego -SLG prós amigos da simplicidade cómoda e un algo nugallana- pois este mal que ben vaise mantendo, senón botando a terra a visión que a xente, que a nosa xente, poida ter del unha vez chegada a hora de valoralo ou simplemente de telo en conta.

Outra e non menos importante forma de corrupción consiste en que, levados de afectos, de amizades ou mesmo de comenencias, nunha aula de galego se impoña a lectura dun autor de non moita solvencia literaria. Os alumnos que nas aulas pertinentes están lendo autores inscritos na literatura universal están a aprender así que a literatura feita na lingua que deben aprender a amar e defender non se trata máis ca doutra cousa que dunha bagatela sen maior transcendencia á que millor será non darlle moito pulo.

Enténdase que non se está a dicir que na nosa literatura non haxa grandes autores, nin moito menos. O que sobran son oportunidades nas que, nestas mesmas páxinas, se leva afirmado que á literatura que nos é máis propia estalle a suceder o mesmo que lle sucedeu á latina: que foi unha gran literatura...pero con a penas lectores e que, claro e de xeito lóxico, acabou por desaparecer ó se transformar noutras. É o que pretendemos?

O que se está a dicir é que pode que a práctica que se sinala mesmo axude a consolidar prestixios, si, pero fráxiles e inconsistentes, que o que van conseguindo de momento é danar o prestixio e a estima que o conxunto da nosa sociedade lectora acabará por transmitir ó resto da sociedade toda.

Non se pode, non se debe, funcionar por simpatías persoais ou de grupo. Un autor pode ser un galopín, pero responsable dun monumento literario que hai que dar a coñecer porque, tal condición, fortalece e afirma o sistema do que forma parte.

Se no ámbito do ensino son execrables as prácticas que se sinalan, no ámbito público tamén o son e se están a levar a cabo casos abondo como pra que non se reflexione publicamente sobre eles. Nos pasados anos a Real Academia Galega -a RAG, prós amigos destas cousas- ten elevado figuras de fráxil entidade literaria, a autores dunha obra que non se defende por si mesma sen a axuda dos seus amigos ou correlixionarios ó mesmo tempo que tamén leva celebrado nomes de máis que dubidosa integra autoría dunha obra que se eleva así sobre outras, minimizándoas, cando a súa podería ser considerada pouco máis que coma endeble.

Agora se anuncia como posible outro dislate ó se coñecer a proposta dun membro da RAG que postula o nome de Federico Garcia Lorca pra recibir as honras nada menos que dun Día das Letras Galegas. Lorca é un excelso poeta, sen dúbida, autor de "seis poemas galegos" pero non de seis poemas en galego. Na Deputación ourensá custódianse os orixinais manuscritos de Eduardo Blanco Amor debidamente traducidos ó galego.

A excelencia da nosa lingua e da nosa literatura terá que nos vir dada a causa do noso propio esforzo. En contrapeso a esa posible designación e malia que non se considere moi posible pois non sempre teñen porque trunfar os dislates, hai un feixe de autores galegos en castelán, que incursionaron na lingua propia. Temos tantos como pra poder botar man deles. A bote propio e por non saír do ámbito ourensán véñenme á cabeza tres nomes, os tres con antecedentes familiares na nosa provincia, un de esquerdas, outro de centro e outro de dereitas pra que non se diga nin se sinalen tendencias ou preferencias de ningún tipo. Aí lles quedan:

Xosé Anxel Valente, poeta grande coma pode selo Lorca, aínda que efectivamente non sexa tan coñecido, nin el, nin o seu nome, nin a súa obra, autor que é das "Cantigas do Alén". Camilo José Cela, de orixe non só inglesa senón tamén ourensá, autor de numerosos artigos en galego e valedor dos nosos autores nas publicacións e ámbitos que lle foron máis propios durante os anos duros. E Eugenio Montes, franquista confeso, pero autor dunha máis que estimable obra poética en galego. 

Confeso que coa poesía de Valente sucédeme o mesmo que coa música do Padre Victoria. Consegue que sinta unha especie de angazo espetado no estómago o que é moi doloroso sabendo como sei da súa bondade. De Cela fun moi amigo e admíroo moito como escritor, moito. Fago este tipo de confesións, arredadas da condición ideolóxica dos autores que cito intentando facer ver que non me guía ningún interés espurio. Xa postos que o que máis me atraeu de Eugenio Montes era unha sobriña ou sobriña neta, de ensortellado pelo rizo, que vivía polo Couto e camiñaba, de vez en cando, pola rúa do Paseo. Ouh, que tempos!

Te puede interesar