Opinión

Merecidamente derrotados

Nos pasados días levo lido e relido “Serenou a néboa”, a última entrega que Manuel Guede Oliva entregou a Galaxia, a editorial galega que sempre foi algo máis ca unha editorial, pero que xa non o é. Agora élles unha máis. Que lle imos facer! Breogán nos vala. Dígolles que levo lido e relido o tal poemario, pero non lles é exactamente así. En realidade, o que eu levo lido élles a súa primeira parte. A intitulada “Interiores dun país”. Consta de dez poemas que tanto me levan incitado á súa relectura. O mesmo vou e lles digo por que. Antes coido que deberei dicirlles que me quedan outras dúas partes máis. As que levan por títulos “Fragmentos doutra historia do teatro universal”, outra ducia máis de poemas dos que aínda non lles podo falar moito, e a terceira “Da neboeira a esta parte” da que aínda lles podo dicir menos pois a penas lle din a primeira pasada. Subxugoume a primeira. Fíxome, obrigoume a unha e outra relectura, unha tras doutra, tan importante se me ofreceu. Agora intentarei dicirlles por que.

Os máis novos da tribo nin se enteiraron daqueles días nos que tanto falamos do desencanto, desa nostalxia que xorde logo da esperanza empobrecida polos feitos; nada que ver con estes que vimos vivindo dende que os herdeiros espirituais (e non só espirituais) de Blas Piñar, notario que foi do Ilustre Colexio de Madrid, irromperon na escena política e aí seguen e seguirán pois Toynbee debía ter razón e a Historia élles un péndulo oscilante que vai e ven ó seu antollo e seica ninguén deu escarmentado nunca en cabeza allea. “Hai ventos desolados” que din un dos dez poemas primeiros. Nunca eu lera nada que describa a frustración coa beleza e a harmonía, coa lucidez, que só cabe, precisamente, nun poema. Por iso lin e relín esa decena de poemas primeiros. Fíxeno nos días que precederon ó domingo de antonte. Agora procederei á relectura dos restantes xa que a penas recordo a primeira que lles dín, atrapado que quedei na primeira que xa queda sinalada.

Por todo isto co que malamente estou a me explicar, detereime no repaso do “efecto uve” xa que é certo a coda do anterior poema: “Algún cabrón dirá/ que a estas alturas/ só se pode tratar dun trastorno senil, da teimuda aristocracia do vencido… pero algo ben peor que ser vencido/ é ser un derrotado e merecelo”. Resulta que ó final todos, absolutamente todos, uns e outros somos merecidamente derrotados, tal e como acabamos de comprobar aínda non hai unha semana.

Se me fan caso e aman a poesía, esa luz que dota de máis intensidade ós significantes, busquen “Serenou a néboa” nos andeis da primeira librería que se atopen a primeira vez que volvan botarse á rúa. O máis probable é que necesiten desfrutar ou padecer do inelutable transcorrer dos anos, agás que sexan mozos avisados e quen de comprender algo da experiencia allea; é dicir, da que temos os que vivimos outros tempos que están a tornar á nosa vida, tamén dun xeito inelutable. 

Te puede interesar