Opinión

Ó millor eso do ocio era isto

Lin, non hai aínda moito, que en España xa hai máis cans ca nenos. Poderá darnos, este dato, unha idea aproximada do país que construímos entre todos? Deberá antollársenos preocupante a confirmación desta noticia, un tanto frívola, aparecida nos xornais? Non o sei. Coido que si. Pero tamén é preocupante, a min parécemo, que ó día de hoxe Galicia só despunte, algo, na cultura vitivinícola, no cultivo de especies arbóreas exóticas (véxanse as enormes cantidades de eucaliptais reinantes) que os “nosos” mariscos xa a penas sexan das nosas rías; que a industria téxtil non sexa xa a daqueles tempos iniciais de Inditex, cando o de Galicia Moda, e tan só sexa diríase que ocupado integramente pola compañía citada co perigo que iso encerra... seguimos? Ímolo deixar eiquí que estabamos falando de cans.

Confeso que eu non podo falar moito. Sempre tiven cans. Dise que na vida dun home da lugar a ter seis ou sete deles, pero eu sempre tiven máis; tratados coma cans, nunca coma persoas, e desde logo que a cifra citada quedáseme moi pequena. Con todo, cifra tan abultada non impedíu que sexa pai de tres espléndidas mulleres e avó de catro netos non menos espléndidos cas súas nais. Cans sigo tendo tres.

Un deles é pequeno, o primeiro can pequeno, un deses tamaño “toy” que veu ó mundo pra perder un ollo, perder as súas partes festivas e ser máis maniático do que cabería esperar. Espero que pese a todo, este can chamado “Meu” viva coma un can, non coma un can por enteiro, por suposto. Pero si coma un can. Dígoo pola súa integridade psíquica, pero tamén pola miña. Non quixera estar colaborando á construción dun país ocupado por persoas perfectamente adestradas pra sacar de paseo a horas intempestivas ou de normal cumprimento cunha cotiá secuencia que, na maioría dos casos, non aplicarían nin ós seus propios fillos. De que estarán a ser sucedáneos tantos e tantos cans? Que se estará evitando que sexan tantas e tantas persoas dispostas a recoller defecacións caninas nunha bolsiña de plástico e nada colectivamente predispostas a cambiarlle ós cueiros a un pequeno corpo fillo do seu propio corpo?

Non sei se haberá estatísticas do número de cidadáns que a cotío recorren as nosas rúas paseando canciños zalameiros ou rabiosos. Tampouco dos pais que pasean carriños cun bebé dentro polas rúas e polos parques das nosas cidades. Pero sería bo que as houbese e que fosen coñecidas.

Ó millor, a sociedade do ocio da que tanto se falou hai corenta ou cincuenta anos, consistía nesto que estamos vivindo sen a penas decatármonos: xentes paseando canciños pequeniños, xentes paseando mentres contemplan as pequenas pantalliñas dos seus teléfonos móbiles, xentes aparvadas diante das pantallonas dos seus televisores mentres risoños e gargalleantes profesionais do medio bailan máis que falan e as súas olladas alucinadas nos fan esquecer que hai outras realidades.

Te puede interesar