Opinión

A miña perrera e a pedagoxía da imaxe

(JOSÉ PAZ)
photo_camera (JOSÉ PAZ)

Vese moito nos artistas de cine, tamén nos políticos que son outro tipo non sei de artistas ou de comediantes, e xa se vai vendo na xente que anda pola rúa

Teño unha orella de soplillo, que lle din así; ou lle dicían, porque agora xa non as hai. Cousas da cirurxía, que levanta ós caídos, reduce ós engrandecidos, adelgaza as pernas, reduce os bandullos e mailas papadas e lles substitúe as nádegas ós actores ianquis pois seica por alí se levan os traseiros pizpiretos e algo levantados, coma con lordose, ou simplemente máis provocativos, cando menos pra elas que seica lles van potenciados de xeito tan traseiro e evidente.

Recordo os esforzos da miña nai por corrixirme tan peculiar característica miña, a da orella de soplillo. Sendo un naipelo, un bebé, se deixan que me poña fino, encasquetábame unhas capotiñas con moita faramallada que, afortunadamente, non foron presaxio de ningún futuro incontrolado. Tamén botou man do esparadrapo, pero como se nada. Pegábame a orella á tempa e nada. Ó final contentouse con colocarme a orella contra a almofada a ver se así se corrixía, pero ignoraba que eu sería sempre incorrixible. Morrerei coa orella así disposta, en ristre, coma adarga de cabaleiro andante, algo que nunca soñei con ser. Que lle imos facer!

Como ven hoxe estou entre evocativo e desvergonzado, pero xa ven o que me importa. Non me importa nada e mesmo me divirte. A culpa élles da perrera, posiblemente. Eu tamén gastei perrera e, a maiores, dous remuíños no cogote cos que a miña nai pelexou sempre, unha vez chegada a hora de peitearme pra, por exemplo, ir facer a primeira comuñón vestido de mariñeiriño. Traballo custou botar entón o pelo pra atrás e nin por esas. Acredítao a foto conmemorativa de tan fausto acontecemento. Agora de vello volvéseme alborotar. 

Decátome do que lles digo porque vexo que regresou a perrera á moda do peiteado masculino. Os homes, máis os medio calvos ou os que andan en transo de acadar tal categoría, peitéanse agora de atrás pra diante, coma se foran romanos, e disimulan non pouco. Vese moito nos artistas de cine, tamén nos políticos que son outro tipo non sei de artistas ou de comediantes, e xa se vai vendo na xente que anda pola rúa. Máis que nada a moda da perrera dáse nos rapaces dos IES, non sei se tamén no do d’As Lagoas ou nos d’O Posío, porque agora non vivo en Ourense. Soño en e con Ourense, pero non vivo nel. Debín marchar seguindo as néboas que antes baixaban polo Miño e, como elas, regreso tan so de vez en cando.

Antes de seguir aclárolles, ós castelán falantes que teñen a paciencia de lerme, que perrera dise flequillo no idioma do imperio. Tamén que, de momento, a perrera, ou sexa o flequillo, élles moi discreto e adoita reviricharse cara enriba no canto de arribar á fronte, tal e coma se fora unha lene vaga de mar que non se atreve a bicar a praia. Recórdame a Cazos un rapaz de Ceuta que estaba interno no Colexio Menor, alí enriba naquel silencio alto do Campo das Mercedes. Cazos non revirichaba a perrera, pero lucía uns tupés que pra eles o quixeran moitos galáns de cine. Non sei que terá sido del.A estas alturas da vida millor non é preguntar moito non vaia ser que a resposta che proporcione un disgusto.

A parte do da perrera hailles outras variacións que lle ofrecer á atenta ollada dos xubilados, dos traballadores en paro e a non poucos dos subvencionados con fondos públicos con tal de que entreteñan o seu tempo, todos eles, vendo series de televisión, cal é o meu caso. Hai un par de anos, aínda quedan vestixios dela, era costume dos cineastas poñer a alguén trousando ata o líquido biliar, ese que amarga a boca e queima a gorxa, deixándoa irritada a ela e a ti dun humor de cans. Trousaban e aínda trousan os actores enriba dun retrete e mala era a película na que non viamos unha potada contundente, viñera ou non viñera a conto e de xeito que máis dun espectador chegase a sentir bascas.

Aínda non pasou de todo, o tema dos vómitos co menor motivo, e xa estamos nos tempos de filmar ós actores cos calzoncillos ou coas bragas nas canelas interpretando con toda naturalidade, iso si, o feito de se limpar con pulcritude extrema. O outro día aínda vin “Rapa” a nova serie dos irmáns Coira na que se pode contemplar a Javier Cámara sentado na tapa dun retrete, cos pantalóns no seu sitio, iso si, mentres escribe nun ordenador portátil. Vese que a xente de Lugo é moito máis comedida. Á escena dos partos dolorosos é millor non se referir. Ouh, que tempos aqueles nos que o interesante era o ben que morría o artistiña.

Diríase que, isto do que estamos a falar, se trataba e aínda se trata dunha pedagoxía da imaxe senón fose porque costa certo traballo considerar que tal proceder debería responder á máxima de ensinar deleitando. Confeso que a min non me deleita, nin pouco, nin moito, nada, ver un señor ou unha señora defecando ou parindo. Algo, refírome á pedagoxía da imaxe, que, con toda evidencia, sucede coa moda máis recente. Nas últimas semanas o que se están a ver son moitos asasinatos levados a ramo, todos eles, grazas a seccionar a xugular das vítimas tal e como se fosen cordeiros executados co rigor de ritos ancestrais....o sangue brotando a gurgullóns, o artistiña dicindo “non te vaias, non te vaias, quédate comigo” e así.

Teño un neto, en realidade teño varios, pero este ó que me refiro é un rapaz non sei se moi lido ou se moi visionario que, comentando con el os extremos estes que lles veño contando, me advertiu de que a cousa ia ir a máis grazas a non sei que invento que se chama Wattpad que, como non, circula polas redes esas que lles din sociais. Según este meu neto o que se está producindo é unha maior sexualización, así o dixo el, de todo canto sucede nas pantallas diante das que nos pasamos non pouca parte das nosas vidas. Agradeceríalle ós lectores que se foran fixando se isto pode ser certo ou non. Eu veño de dedicarlle un par de horas á tal observación e xa vin un coito que duraba oito minutos. O que xa é durar. Antes amañabámonos con moito menos tempo.

undefined
undefined

Te puede interesar