Opinión

A miña primeira comuñón

Mañá cúmprense setenta anos do día da miña primeira comuñón. Baseándome no feito de que sempre me acordo de que os días 3 de febreiro, a miña tía Carmiña, me levaba á capela do Santo Cristo de Ourense; do que se afirmaba que lle medraba a barba e que de cando en vez tiña que acudir o barbeiro da catedral a rebaixarlla; baseándome en tal circunstancia, voume permitir xa que non o recordo, xa moi débil na miña memoria, si a data e as súas consecuencias inmediatas en razón das discusións que precederon a tal celebración. Miña avoa teimou en que a fixera en Ourense, meus pais en que a fixese en Pontevedra; por unha vez, gañaron meus pais. Porén a foto, vestido de mariñeiriño, fixéronma en Ourense, na de Foto Vilar, no medio do Paseo a carón da Farmacia Fábrega e dunha tendiña pequena na que vendían uns caramelos de menta que moito me gorentaba; enfronte mesmo estaba o Cine Losada. Onde vai todo elo!

Do día da miña primeira comuñón, un luns, vai ti saber por que, a penas recordo nada, xa o dixen. Pero teño moi gravado o primeiro domingo despois de tal efeméride. Como era preceptivo que, logo de ter feita a primeira comuñón, había que cumprir co precepto que ditaba a obrigatoriedade de asistir á misa os domingos alá me fun, como non, á igrexa de San Francisco, sendo o domingo 31 de agosto. Cheguei un pouco tarde de xeito que xa estaban predicando dende o púlpito.    

A atronadora voz do frade franciscano resoaba con forza e puiden escoitar con absoluta nitidez como afirmaba que era a voz de Deus a que falaba pola súa boca. Acabar aceptando que na pequena oblea que me administraran non había aínda unha semana se condensaban o corpo e mailo sangue de Cristo, según afirmaba o dogma da transubstanciación, acabei créndoo por dicirmo quen mo dicía, de maneira que, cando o frade predicador, afirmaba que non era el senón o propio Deus quen falaba pola súa boca acepteino de contado.

Foi facelo, foi crelo e aceptalo, que tamén aceptei a retórica afirmación do frade, de xeito que me entrou un terror pánico ó pensar que era o propio Deus o que ameazaba con tales calamidades que o feito, levado a cabo en consecuencia, foi saír correndo a todo correr da pontevedresa igrexa de San Francisco na que xace o corpo de Paio Gómez Chariño, o noso almirante poeta.

Tardei moito en volver a ela. Cambieina pola misa dominical oficiada por don Lino, a quen meu pai alcumaba O Oso. Don Lino misaba na capela da Virxe Peregrina, a mesma en cuxo honor se celebran as festas nas que andaron en Pontevedra nestes días de agosto. Os lectores xa saberán delas. Hai corridas de touros, as únicas e non sei se tamén as últimas que se celebran Galicia; tamén un baile de presentación en sociedade das mociñas que están deixando atrás a adolescencia. Deso falaremos outro día.

Te puede interesar