Opinión

É necesario educar a condición humana

Debo recoñecer que, no artigo do pasado mércores, me puxen algo tráxico, un pouco hiper dramático de máis, pode, pero tamén que algunha razón non me faltase; non moita, recoñézoo, pero si algunha. 

Recorden, os meus lectores máis fieis, antiguos compañeiros do insituto d’O Posío e xentes algo semellantes, de idades provectas e xa serenas, que falabamos nese artigo de cans e máis tamén dunha realidade estatística inquietante: a de que hoxe, en España, hai xa máis cans ca nenos.

Tal dato é tanto como afirmar que, como nas aldeas xa non quedan xentes, pois tampouco a penas quedan xa aldeas, eses cans son case que todos eles cans urbanitas, cans cidadáns e consentidos, comedores de pensos compostos e consumidores de costosas galdrumeiradas envolvidas en papeis metálicos, impregnadas de substancias que exciten a padatalidade canina e tratados con medicamentos case que sempre máis custosos ca os propios dos humáns; en resume, un paraíso canino que non parece contentalos nin a eles, nin ós propios cans necesitados, xa non poucos deles, de atencións de psicólogos especializados cando non obxecto habitual de teses doutorais, encamiñadas estas á etoloxía, resumidas nos tratamentos en campos de adestramento educacional en clínicas caninas construídas ó efecto. Mundo de cans, este noso! Espero morrer antes de saber que xa tamén se fai algunha facultade na que dispensar sobresaíntes cum laude a teses doutorais de teoloxía canina. Ou é que aínda non hai donos de cans convencidos de que os seus e falecidos non transmigraron a un ceo feito a propósito deles; un ceo ó que sen dúbida son destinados a maior parte deses cans defuntos, digo eu, porque algúns haberá que vaian directamente ó inferno. Se algúns teólogos decidiron que o dogma da transubstanciación e substituíble polo dogma da transmigración: o zapato que Beiras non lle lanzou a Fraga, no caso de ter sido disparado na dirección do hoxe extinto mandatario xa non tería sido un zapato senón un proxectil... e así todo.

Tornando ó rego e por non aburrilos máis: preguntabamos o outro día, nese artigo case tan desalmado coma este de hoxe, se esta nosa será, sen nós sabelo, xa a perseguida e anunciada sociedade do ocio da que tanto se nos falou alá polos distantes anos da miña, da nosa mocidade meus amadísimos lectores, incluídos os recolectores de zurullos caninos en bolsiñas hixiénicas logo debidamente depositadas en papeleiras ad hoc, faltaría máis. Ó millor non o é, ó millor esta non é a sociedade do ocio, Breogán non o queira, pero parecer paréceo. Ó millor máis ca unha sociedade do ocio do que se trata é dunha sociedade distraída. Ouh, o mito da caverna platónica! Recórdano? Sempre acabamos regresando a ela, á caverna, non se pode ser máis troglodita.

Vivimos recluídos nas prisións das aparencias nas que nada é como é senón como parece. Facémolo vivindo de costas á luz, esquencidos do sapere aude que Kant nos recaudou e convencidos de que os nosos cans nos imitan moito millor e moito máis fielmente do que o farían os fillos e, aínda por riba, non hai que mandalos á universidade. E aparentamos. Paseámolos prendidos por unha correa que pende da nosa man mentres na outra observamos a pantalliña do móbil axexando as sombras que se proxectan nela procedentes de lugares distantes e así é como basculamos entre o mundo sensible e o mundo intelexible, dacabalo máis ca da razón, máis ca do razoamento é no cabalo do sentimento no que montamos. facéndoo a instancias das sombras que nos trae ou que nos oculta a pantalla, como se fose a realidade, pero no é a realidade. E iso é ó que se nos transmite e inculca.

Rusia está matando de fame ós ucraínos, arrasando as súas agras de trigo, e iso está moi mal, claro que si. Dende o mundo libre alporizámonos, con máis razón ca unha lexión de santos, sen recordar que outrora no Vietnam os herbicidas espallados dende os avións deixaron sen colleitas as centos de miles de persoas, deixaron tolleitos a centos de nenos, acabaron cunha vexetación que seica aínda non se recuperou de todo. Os Estados Unidos mataron centos de miles de persoas coas dúas bombas de Hiroshima e Nagasaki e esquecémonos de que Rusia, con bombas convencionais e uns poucos días antes, se levou por diante a algúns centos de miles máis. A condición humana é a que é, non hai condición humana rusa ou condición humana ianqui.

É a condición humana a que hai que educar, pero pra elo é imprescindible sacala da caverna ou aceptar, con pleno coñecemento de causa, o tamén platónico e tamén mito do carro alado como alegoría do espírito humano. O carro vai tirado por dous cabalos, un branco, negro o outro; un anda a ras de terra, o malo e negro; outro sobrevoa as nubes, o bo e branco. Conducir tal carro, gobernar tal espírito é moi complicado, pero só dende a consciencia e do recoñecemento da realidade é posible manexar tan e tal alado carro.

Ter cans é bo, claro que si. Porén, non ter nenos, seguro que non o é na maioría, que non na totalidade, dos casos. Seguro que por moito que nos empeñemos e nos induzan a aceptalo así os cans son cans, son animais fieis e leais, pero son cans, sempre son cans por moito que nos empeñemos e, de nos empeñar demasiado nelo, podemos ser nos quen vexamos deteriorada a nosa condición humana. Pero tamén eles a súa, leóns e tigres, panteiras e osos acaban actuando nos circos, pero non así os lobos e o can é un familiar directo deles, por iso quen pode acabar facendo o pallaso é o ser humano así determinado, así de ensimesmado diante da pantalla do televisor, diante da pantalla da tablet e mesmo dende a superior altura da pantalliña do móbil, dese móbil que manexamos cunha man, mentres coa outra manexamos un can que nos leva por onde el quere tan amaestrado nos ten. Cave canem. Ollo ó can.

Te puede interesar