Opinión

Necesitamos da paz civil

Hai hoxe oitenta e tres anos e cinco días que “cautivo y desarmado el Ejército Rojo, han alcanzado las tropas nacionales sus últimos objetivos militares. La guerra ha terminado”. Os lectores máis novos e ignorantes destes extremos poden ver en Google o texto autógrafo firmado polo “generalísimo Franco” e comprobar que se trata de algo, conciso e breve, no que se da conta da finalización dunha guerra, así sen máis, debidamente asinado e selado do xeito pertinente. É que facía falta máis?

Pois si. Facía falta a constancia de que se trataba dun “Parte oficial de guerra. Correspondiente al día 1º de abril de 1939. III Año Triunfal”. Este parte, mecanoscrito, foi subscrito en Burgos “El año de la victoria” e tamén figura debidamente asinado co escueto apelido Franco. 

No primeiro escrito a firma comeza cun “efe” que ser é un “F” pero que ten distinto trazo que o do segundo e mecanoscrito. O mesmo sucede coa rúbrica. E algo tamén coa letra. Seguro que os grafólogos terán algo que dicir ó respecto, e máis seguro aínda que o que digan non alterará a Historia en ningún sentido. Os amigos das curiosidades tamén han opinar o que consideren ó respecto.

O parte transmite o que ten que transmitir, a saber, a finalización da guerra. Pero non di nada do establecemento da paz, dos obxectivos a seguir pra consolidala facéndoa certa e duradeira. Testifica como acadados os derradeiros obxectivos militares, pero non di nada dos obxectivos a seguir en paz e concordia entre todos os participantes nela. Acaso porque non os houbo ata vinte e cinco anos despois, cando o réxime, o triunfante no enfrontamento civil, celebrou a vitoria cun slogan que se prestou a non poucos comentarios: “25 anos de paz” anunciaba.

Oitenta e tres anos despois, case un século, se un compara os titulares e os textos xornalísticos que precederon á Guerra Civil iniciada en 1936 cos dos nosos pasados anos, seguro que han sentir certo arrepío no corpo que non lle ha resultar en excelso tranquilizante. Seguimos nas mesmas que antes, durante e mesmo despois da guerra, só que agora establecida por outros medios ó que se lle podería cualificar coma guerra fría, civil e fría, incivil e, en tanto que tal, quente. Unha guerra na que, o mesmo que antes, os de esquerdas pensan que os de dereitas o fan todo mal... e viceversa; os de dereitas acusan ós de esquerda de non dar unha a dereitas. O cal estatísticamente é imposible e só sirve pra que o país se deteriore e a cidadanía sufra as consecuencias dunha convivencia xurdida grazas ós intereses dos partidos na súa loita pola ocupación do poder. Ogallá que a serena arribada de Núñez Feijoo a Madrid, “rompeolas de todas las Españas”, e maila determinada intelixencia de Pedro Sánchez impliquen la aparición de un goberno de coalición que, dunha bendita vez, edifiquen os alicerces dunha paz civil da que estamos tan necesitados.

Te puede interesar