Opinión

Non sei que dirían Piñeiro e García-Sabell

Domingo García-Sabell foi, ó longo de moitos anos, o intelectual máis “exportable” co que contou Galicia; quérese dicir que era home de saberes abondo, moitas lecturas e dono dalgunhas que outras linguas que aprendera por aí fóra e lle valían pra poder abranguer o mundo logo de andar polo extranxeiro para se facer con máis saberes máis saberes dos que xa tiña e eran os propios do seu oficio de “sanador” dos que xa tiña; de sanador que así era como a il lle gustaba máis se definir, en troques de médico, pois, coma o tamén doutor Sixto Seco, era daqueles que crían que unha man pousada no brazo dun enfermo facía case que tantos milagres como a penicilina. Domingo García-Sabell foi presidente da RAG e tivo a pouca sorte de que, ó tempo, lle propuxeran ser delegado do goberno central en Galicia.

Eran tempos no que todo botaba a andar e non soubo, nin quixo, aínda que pensar o pensara, rexeitar o cargo. Aceptouno. Daquela eran poucos os que se atrevían a pensar o futuro, facendo cousas que os non pensantes lles reprocharon, moito antes de acabar por facer eles as mesmas cousas cando acaso xa fose algo tarde de máis pra facelas cos resultados apetecidos e esperados. Sucede que agora é inútil laiarse.

Daquela a chave da RAG tíñana il e máis Ramón Piñeiro de xeito que foron, entre eles dous e de vagar, endereitando a derrota –léase o conxunto de rumbos que marcan a traxectoria da tan senlleira nave- que tanto se dispersara ó longo dos iniciais anos do franquismo con incorporacións ditadas do xeito e en razón de todo canto é posible imaxinar. Logo, sen soltala de todo, isa chave confiáronlla a Carlos Casares.

Carlos foi o “responsable” de incorporacións que fixeron posible pasar de presidentes como García-Sabell, Francisco del Riego ou Xosé Ramón Barreiro a outros como Méndez-Ferrín, o dos sempiternos alardes ético-morais, o do coche oficial e o nepotismo ilustrado, ou o recente ex presidente Alonso Montero, ben máis amigo do ferrocarril que o seu antecesor no cargo. A presenza, determinante, de Constantino García no seo da RAG non foi cousa de Casares senón daqueles e equivaleu a que o ILG (o Instituto da Lingua Galega) colaborara nesa derrota da que se falou aí atrás levando ó noso idioma polas procelosas augas da castelanización máis deturpadora da condición que lle debera ser máis propia. Este pecador que lles escribe confesa ter acudido en axuda da RAG cunha partida orzamentaria de trinta millóns de pesetas do ano 1987, que a salvou de problemas só solucionables con diñeiro, non con outras cousas que non foron aplicadas, pero serviron pra asentar esa castrapización que a algúns tanto nos proe na alma colectiva. Mea culpa. Nunca tal fixera.

Simplificándoo moito, é por ista vía pola que se chega a actual elección de Víctor Fernández Freixanes como decimoquinto presidente da Real Academia Galega. Trátase do signo dos tempos que Casares, non Piñeiro, atinou a prever e anticipar. Fixoo de xeito tal que o novo presidente, e con il Ramón Villares na presidencia do Consello da Cultura Galega, que endexamais eles dous foron alá moi piñeiristas, nin galaxistas, claro, ocupan os dous postos máis elocuentes da presencia da nosa cultura no devir cotiá saídos das mentes de quen se dixo. O que non sei é qué dirían Piñeiro e García-Sabell

Todo aquilo que as ocupacións políticas de García-Sabell non propiciaron e si logrou facer posibles Paco del Riego, volve adquirir carta de natureza coa presenza de Freixanes na presidencia da RAG e así acaba de anuncialo: “A Academia vai ser da sociedade”, dixo. Foi tanto como dicir que a RAG ata o de agora non era da sociedade galega. Teño para min que algunha razón non lle falta porque mentres a RAE, por exemplo, sanciona o uso que o pobo fai do español e lle da carta de natureza, avalando, sancionando coa súa autoridade a autenticidade lingüística a toda canta modificación sintáctica, léxica ou prosódica vai impoñendo o uso do idioma polo que, ademais de pulilo, vela e procura darlle esplendor; pois ben, mentres a RAE fai iso a nosa, ben polo contrario, leva anos sancionando, enténdase penalizando, o uso que a xente que o trouxo ata eiquí ó longo dos séculos, fai do idioma que nos legou a Historia.

Descoñezo se Freixanes é un lingüista capaz, pero case prefiro que non o sexa porque de lingüistas esta abondo afectada a nosa fala. Hai que rescatar o galego das mans dos lingüistas. Nas linguas os que imperan son os criterios sociolóxicos, non outros. É inútil pensar que o criterio duns poucos vai impor un xeito de idioma ou outro e nesa é nas que andamos dende hai xa anos abondo. 

Freixanes é o torrencial escritor de “O triángulo inscrito na circunferencia” e de dúas ou tres novelas máis, non tan “torrentianas” pero igualmente vizosas no tocante á fala que nelas utiliza, de xeito que a fluidez dese torrente que mana da súa escrita, pode chegar a empapar ós demais membros desa RAG que tan allea leva permanecido á sociedade que a sostén rescatándoa da man dos lingüistas para lla entregar á xente do común. Non será sen tempo, ogallá sexa tamén a tempo.

Se así acadara Freixanes a facelo levará a ramo a desfeita desoutra diglosia, a que poderiamos cualificar de diglosia invertida, consistente na convicción á que chegou a xente que sempre falou galego cando afirma, toda convencida, que non sabe falalo pois non é profesor nin académico que son os que sí o saben e ademais o fan saber. Non é pequena tarefa á que se enfronta Victor Fernández Freixanes dende que, á morte de Casares, foi ocupando en breve prazo todos cantos lugares Carlos ocupara todo ó longo da súa vida e mesmo os que se quedou sen ocupar pois a morte levóuno antes de tempo.. Ogallá o faga ben, polo ben de todos, e a Historia teña con el a benevolencia que está tendo co que foi o seu amigo e millor mentor nos derradeiros anos da súa vida. O país vaino merecendo.

Te puede interesar