Non sempre o que é bo é bo

Non sempre o que é bo é bo

Ochat ese do WhatsApp que man-

temos os que fomos compañeiros no Instituto do Posío, do que tanto lles teño falado eiquí coma exemplo de tolerancia e camaradería ben entendidas, estalle a pasar ó mesmo que á convivencia harmónica dos medios de comunicación. Estásenos indo das mans. Pouco e pouco, váisenos degradando. As opinións encontradas, que antes provocaban bromas entre nós, estanse tornando ásperas e dogmáticas. Onde houbo bromas, agora hai comentarios tallantes coma coitelos. Daría a impresión de que o mesmo fantasma que recorreu Europa no século pasado estea volvendo ás andadas só que agora faino asomando as orellas en máis continentes que neste noso no que nos pasados setenta anos vivir veu constituíndo un privilexio. 

Como a palabra fascismo, a forza de utilizala tanto, uns e outros, está xa tan deteriorada vanme permitir que, en vez de me referir ó fascismo, o faga ó totalitarismo porque esta palabra abrangue un espectro moito máis amplo que aquela. Xa me dirán, considerándoos estéticamente, no que se diferenciaban, no seu tempo, unha escenografía nazi-fascista e outra soviética e cantos millóns de seres vivos, unha e outra (nulla ética sine estética) se levaron por diante. Tal escenografía tamén a vimos por eiquí.

Estes días estou a ver unha serie de televisión que se me antolla excepcional. O seu protagonista é Russell Crowe, o mesmo actor de "Gladiator" e de aqueloutra serie non menos excepcional, "Master and comander", baseada na primeira novela das vinte escritas por Patrick O'Brian, que eiquí foron editadas por Edhasa e que eu lin, unha por unha, coa mesma afouteza coa que vin logo a película. A serie de agora chámase "A voz máis alta". Nela, Russell Crowe da vida na pantalla a Roger Ailes o alma mater de Fox News, o canal de noticias que fixo posible a presenza de Donald Trump na actual presidencia dos Estados Unidos de América do Norte e, según moitos, o creador do concepto que agacha esa práctica que agora se denomina fake news e non consiste máis que en lle dar a volta a realidade presentándoa sempre deformada ou ofrecendo o lado oculto que toda verdade pode encerrar en si mesma... esa paulatina degradación dos conceptos e da moral unha vez que a intelixencia humana é quen de volvela reversible, como aqueles abrigos de hai anos que unha vez servían de gabardinas, outras veces facían de tabardo e mesmo tamén os había que eran chamados de entretempo.

Levo visto sete capítulos da serie e podo dicir que, ás veces, costa certo traballo non apagar o televisor debido á dureza conceptual que encerra a historia que se conta. Non me refiro ó feito de que Roger Ailes fose un depredador sexual -que si o foi, según denunciou Gretchen Carlson, unha das locutoras de informativos de FOX News e así se fai ver ó longo dos capítulos- senón pola continua constatación de como a intelixencia humana, unha vez que se determina á terxiversación dos feitos, conxuntamente coa exaltación dos sentimentos, pode resultar devastadora. Cando alguén lle reprocha a Ailes que o que propón non é bo prós EEUU este respóndelle que il non goberna os EEUU senón que dirixe a FOX e iso é bo prá FOX... e punto.

Nós levamos xa bastantes meses vendo como os dirixentes políticos fan cousas, e din cousas, e propoñen cousas que non son boas pró conxunto da cidadanía, pero que si o son, ou iso pensan eles, prás súas formacións políticas. Un país así determinado polos seus dirixentes políticos non pode ir moi lonxe. O problema é que ese mesmo espectro que deambula pola serie, producida tamén polo mesmo Russell Crowe, anda a vagar igualmente pola Europa actual e, por suposto, polo Reino de España, a despeito da opinión de non poucos que non lle queren ver as orellas e pró temor doutros que xa llas están vendo.

Eu véxollas nalgúns dos comentarios e nalgunhas das reaccións, de aprobación unhas, opostas outras, suscitados nese chat que tanto lles teño posto como un exemplo de convivencia e paradigma de tolerancia entre vellos compañeiros. A uns fusiláronlles un avó, outros son descendentes de vellos represores, pero conviviron amical e coloquialmente durante tempo e tempo. Fixérono ata chegar a estes días nos que as posicións extremas empezan a resultar zafias, vulgares e dunha ordinariez intelectual impropia do deica hoxe habitual de xeito que empeza a haber baixas no chat e só unha cousa pode resultar tranquilizante. Os que se manteñen dialogantes e comprensivos, sen renegar dos seus propios idearios, son os nosos compañeiros que optaron pola carreira militar coma culmen das súas aspiracións. As súas actitudes recórdanme a Pierre Guidoni, embaixador que foi de Francia en Madrid e xa falecido quen, cando había "ruido de sables", tranquilizaba moito afirmándolle ós amigos que o problema da democracia española non eran os militares senón os xuíces. Mágoa que, agora que estes se puxeron ó carro, veñan os émulos de Roger Ailes a poñerlle paus nas rodas ó que todos imos subidos, mesturados uns cos outros, xuntos e revoltos, por moito que haxa xente á que tal circunstancia non lle preste nada; pero esa e non outra é a condición humana unha vez deterxida pola peneira da cultura e asumidos os principios da civilización cristiá.