Opinión

Non, o tempo non o borra todo

Hai uns dez ou doce días extraditaron a Friedrich Karl Berger cando xa é de obra de noventa e cinco anos. A nova veu na prensa o pasado día 23 do mes no que xa non andamos, coincidindo co cabodano do frustrado golpe de Estado propinado polo tenente coronel Tejero, posiblemente un tonto útil, debidamente manexado por varios vai-ti-saber-quen.

A extradición de Berger fixérona dende os Estados Unidos de América do Norte. Convén pormenorizar tan polo miúdo porque "Estados Unidos" hailles máis de un por aquela zona do mundo e norteamericanos tamén o veñen sendo os canadienses, por exemplo. A cada santo o seu peso.

Cando rematou a Segunda Guerra Mundial, este Friedrich Karl Berger funxía como garda no campo de Nevegamme. Entón era un rapaz de obra de dezanove ou vinte anos, é dicir co uso de razón debidamente instalado no seu cerebro dende os sete anos de idade, que eran os que se debían contar na miña nenez pra que a un lle administraran a primeira comuñón. Naqueles días xa se estaba nos estertores do nazismo. Neles, neses estertores, seica foi cando Berger se comportou con maior e máis extremada crueldade, unha vez chegada a hora de trasladar os presos durante os derradeiros días da forzosa evacuación do campo, sen que a súa actuación naqueles momentos desmerecese moito das anteriormente exercidas.

Agora, setenta e cinco anos despois, os ianquis dan con el e o envían a Alemaña a fin de que nela sexa debidamente xulgado polos seus crimes de lesa humanidade e, se é que se demostra que efectivamente os cometeu, sexa xustamente condenado por eles.

Non hai moitos meses, non sabería dicir cantos, pero non moitos, Angela Merkel exerceu o seu dereito de indulto con outro destes criminais nazis en razón da avanzada idade do culpable de non sei cantas e demostradas atrocidades. Pero encargouse ben de sinalar de forma expresa a xustiza contida na condena polos execrables crimes cometidos e por outra debemos recalcar agora nós a grandeza contida da capacidade de indultar por razóns humanitarias a aquel residuo da miseria moral nazi.

Agora que a señora Merkel, que non é precisamente de esquerdas, xa non está no poder non sei que pasará con este ancián se resulta demostrada a súa culpabilidade nos crimes que se lle atribúen. Se eu sigo entendéndoo ben, aínda non se condenou a ninguén por ter sido nazi senón polos crimes de lesa humanidade, mesmo de lesa democracia, cometidos amparándose en leis e decretos promulgados polas sinistras autoridades políticas e militares de entón; é dicir, repito que, si eu o entendo ben, chegados estes casos, neles, xúlganse feitos, non opinións verquidas por medio da palabra. Máis de media Alemaña non foi condenada por ter sido nazi, senón que o foron aqueles que asasinaron exterminaron, condenaron a todo canto ser humano non pensase e actuase como eles óu ó estrito ditado deles.

Por iso o que xa se entende ben menos, contemplado dende un ángulo estritamente democrático, é a permanencia nas altas paredes dos templos católicos das laudas que recordan a aqueles que, dende un lado da contenda, morreron defendendo a Deus e máis a España como se do outro lado dela non defendesen tamén a España, máis tendo en conta que a defendida era unha España democrática, aberta a todos, na que as opinións non fosen causa de execución extrema; item máis, tamén no bando republicano había crentes, dende sacerdotes católicos ata feligreses con tanta fe e devoción como as existentes nos seus adversarios bélicos. A Igrexa debera telo en conta e sería doado facelo: Unha única placa na que se recordase que nun atroz enfrontamento civil caeran dun bando estes e doutro bando estoutros. 

E se non se quere así, permítase dunha santa vez que poidan ser debidamente enterrados os que xacen nas foxas comúns, moitas aínda dado que España é, logo de Camboia, o país do mundo que conta con máis delas. Todo un récord da barbarie Da historia apréndese, en vez de esquecela, porque da leccións continua e porfiadamente.

É mentira que o tempo o borre todo. Setenta e cinco anos despois un criminal de guerra nazi pode ser xulgado. Oitenta anos máis tarde deben poder ser revisables todos os xuízos sumarísimos celebrados en tempos de paz, durante os chamados anos triunfais. Esa cruz inoportuna que está espetada nun outeiro na contorna celanovense que pretende?, que memoria santifica?, a dos paseados sen xuizo? a dos actos criminais alí perpetrados? Se así é que poñan os nomes dos axustizados e máis os nomes dos seus verdugos. Vai ser difícil dar cos nomes das persoas que foron sacadas do campo de concentración e exterminio ubicado do Mosteiro de San Rosendo pois moitas viñan de lugares non precisamente próximos, pero non o vai ser tanto coñecer os dos seus asasinos. Busquen os enterramentos, por se acaso se da con todos eles, búsquense os dos asasinos aínda que só sexa pra exercer con eles a clemencia e poder dar así o exemplo necesario. Aborrecer o delito e compadecer ó delincuente, que é máis o menos o mandado de Concepción Arenal.

Na nosa nenez e primeira mocidade, os da miña idade, vimos moito crego coa camisa azul embaixo da sotana e desprovistos do "alzacuellos", moitos soubemos de aquel Julito Marabillas e as leccións que impartía a quen tivera a obriga de escoitalo. Que mal lles fixo ós alemáns o coñecemento da barbarie exercida no nome da súa e común patria e non sempre contra católicos, masóns, comunistas, republicanos españois ou italianos, xudeus, xitanos e homosexuais malia que os máis fosen tan alemáns e tan patriotas coma os seus executores. E o mesmo vale prós partidarios de Petain ou prós seguidores de Mussolini, tan franceses como calquera dos colaboracionistas ou tan italianos coma os seguidores do Duce. Estaremos nós feitos doutra e noxenta pasta?

Te puede interesar