Opinión

Novelistas entre costuras

O outro día, xa non me acorda onde, pero igual foi eiquí mesmo, ocorréuseme dicir que había novelistas creadores de mundos; ou sexa, demiúrgos ó xeito de Flaubert. Eses novelistas, mentres os crean habitan eses mundos; e viven neles vidas que non son as súas propias; logo ofrécenllas ós lectores e son estes os que os habitan e os que as viven. Tan é así que, uns e outros mesmo poden chegar a recompor o propio; pero conste que cabe tamén a posibilidade de que, ás veces, non os poidan desgraciar. 

Entre Cervantes e Pérez-Galdós claro que houbo novelas españolas, pero millor é non perder o tempo léndoas ou sequera citándoas; ou tal penso eu. O XVIII foi o Século das Luces, pero eiquí pasámolo medio ás escuras. Houbo novelas, si, pero millor non recordalas. Porén o mundo seguiu xirando como se non pasase nada. Pero pasar pasaba. España perdeu folgos e presenza nos foros internacionais de xeito que a nosa sociedade foi devecendo, devecendo e así ata hoxe cando penso eu que volvemos andar nas mesmas.

Hai semanas que morreu Javier Marías, un creador de mundos según eu o entendo. Como neste país enterrase moi ben á xente, as pompas fúnebres en loor do finado non estiveron mal, pero o certo é que cada vez vendíanse menos as súas novelas. O mesmo lles pasa a non poucos dos grandes novelistas actuais ou ós xa definitivamente pertencentes ó século XX. 

Sucede así porque que hai novelistas creadores de mundos e hai novelistas ós que eu, un pouco ousadamente, chamei esoutro día historietistas ó mesmo tempo que me escusaba pola utilización de tal palabra. Pero claro que hai historietistas, tantos hai que tamén os hai bos e tamén os hai malos. Hoxe abondan os historietistas, os autores de novelas que entreteñen e che fan pasar o tempo, pero que non crean mundos nin deixan pouso  algún que vala a pena ter en conta. Pois ben isto dixen ou foi o que din entender hai uns días e houbo quen mo reprochou iradamente; tan iradamente que decidiu que eu me auto inscribía no grupo dos demiúrgos. Nunca entendín tan claramente a don Ramón Otero Pedrayo como nese instante.

 Otero Pedrayo, que é moito millor novelista do que sempre se lle recoñeceu, confesouse coma un náufrago do século XIX. A xente prefire ler ó Risco de “O porco de pé” ou de “La puerta de paja” pero eu quédome cos mundos que Otero deixou creados nos seus libros, mais que coas historias que me fan rir e me entreteñen.

Espero que o meu Savonarola particular me lea hoxe. Se así fose xa lles contarei a súa reacción, se é que a ten. Por iso voulle dar unha razón máis: sentíndoo moito non hai hoxe unha Carmen Laforet, unha Elena Quiroga, unha Ana María Matute, de xeito que a máis da novelística feminina actual estalles feita entre costuras. Non sei se me entenden: son historias que entreteñen, véndese moi ben,  pero non deixan pouso. Duran o que dura a súa lectura.

Te puede interesar