Opinión

O camiño da bondade

Levamos oitenta anos, oitenta, escoitando as mesmas verdades; é dicir, as mesmas afirmacións dun lado e doutro do noso espectro político, exhibidas todas elas en aras do ben común. En que consiste o ben común? Afirman os que proclaman verdades, calquera das hoxe en litixio -e o fan así porque están convencidos delo- que o ben común reside na aplicación inmediata e cabal da súa verdade. Os que están convencidos de que o ben está na outra afirman exactamente o mesmo. Pode isto ser certo? Onde está, xa que logo, o ben común? Onde esa verdade na que todos cremos, convencidos que estamos de que nalgún sitio ten que estar? Probablemente só estea onde se atope a bondade. Pode haber dúbidas encol do que é bo e do que é malo, pero seguro que hai moitísimas menos vacilacións á hora de nos manifestar a cerca do que está cheo de bondade e do que está totalmente baleiro dela. Aqueles que fusilaron miles de persoas nas aforas de Madrid estaban convencidos de que estaban salvando moitas vidas daqueles dos seus que permanecerían na capital unha vez que nela entrasen as chamadas tropas nacionais. Fusilaban en aras do ben común, do ben común dos seus. Aqueles outros que fusilaron miles e miles de persoas nos paredóns dos cemiterios e nas gabias das estradas, nunha triste última e esperemos que tamén derradeira instancia, fixérono convencidos de que estaban colaborando tamén ó ben común. Seguimos?

Quen hoxe defenda as execucións levadas a cabo, no seu momento, polos grupos terroristas, fixérano no nome da súa nación ou do común Estado, estará íntima e sinceramente convencido de que o que está a defender é o ben común. Entón a pregunta é: o ben de quen, porque común o que se di común e de todos, moito, non o é. En calquera dos dous casos, tratarase dunha defensa absolutamente improdutiva, dunha defensa baleira de bondade pois dela só se ha derivar o enfrontamento que fixo posible as atrocidades tan xustamente condenables. Non hai bondade en ningún dos casos, porque non hai respecto ó próximo en ningún dos dous. Haberá bondade cando tódolos mortos repousen debidamente en paz e isto só ha ser posible cando se respecte a vontade dos vivos que queren dar terra ós seus defuntos.

Ós mortos, hoxe, xa lles importa menos en nome de cal ben común foron executados. Falaba o outro día o bispo ourensán de que a relixión católica aconsella darlle terra sagrada ós defuntos e non aventar as súas cinzas a carón do mar ou dende o cima dun outeiro. Razón non lle faltaba. Espallados por todo o territorio español xacen centos de miles de corpos alleos á manifestación da bondade que respecte a vontade dos seus deudos de lles dar terra sagrada, nuns casos, amada terra noutros e por elo tamén sagrada. Vai sendo moito horas de se deixar de garambainas e emprender dunha vez o camiño da bondade. Está sempre en dirección oposta ó da maldade, da maldade que en mala hora nos levou a nos matar entre nós. Da maldade que alenta ó mesmo espírito do mal que nos mantén enfrontados, ancorados en vellas verdades, defensoras dun ben común, que en ningún dos dous casos chegou a selo de verdade.

Te puede interesar