Opinión

O dedo e a anécdota

Haberá ou non haberá xente que se sinta feliz ó contemplar a infelicidade allea? Séneca foi da opinión de que non hai razón ningunha pra pensar que haxa xente así. 

Léoo tal aserto nunha escolma feita por Jordi Cornudella nas “Cartas a Lucilio”, escritas que foron por Séneca no seu tempo. Dado que ignoro todo canto antecede a tal consideración ou todo canto o continúa, recoñecendo que leo tal aserto descontextualizado dun conxunto, nunha arroutada chea de soberbia, unha máis desas que me dan a min tan a miúdo, voume permitir discrepar -estoicamente, iso si- de xenio tan egrexio como foi e o segue a ser o neno cordobés coetáneo de Xesús de Nazaret que acadou gloria na Roma dos seus días.

Advírtoo, tal como o acabo de facer, porque sospeito que si existan seres humanos ás que as desgracias alleas lles faga sorrir, felices e satisfeitos, unha vez chegado o momento de contemplalas, aínda en situacións extremas e non necesariamente felices como consecuencia delas. Expresións, tan coñecidas, como a de que “quede eu cego con tal de que o outro perda un ollo” indícannos que todo é posible na condición humana mesmo a felicidade baseada na desgracia allea.

A pregunta é a de si pode producir satisfacción algunha ou ningunha o uso de comentarios que, ferindo a uns, lles alegre os corazóns a outros; por exemplo, Antonio Cánovas del Castillo, presidente que foi en seis ocasións do consello de ministros, conservador que foi, respondeu unha vez -se ben o fixo nunha conversa amical- que “son españoles los que no pueden ser otra cosa”. Expresouse de tal xeito ó ser consultado polos seus prá redacción do primeiro artigo da Constitución, pra unha das moitas constitucións que levamos feitas a partires da de 1812, da chamada La Pepa. Fracasaron todas elas por non atender debidamente á necesaria reforma do Senado pra convertelo nunha cámara de representación territorial compensadora do desequilibrio que a densidade demográfica se impón por enriba de calquera outra favorecendo cos seus votos os territorios con maior número de votos. E miren o uso que se leva feito de tal resposta dende as bancadas da oposición ós gobernos conservadores.

Estanislao Figueras que foi, á súa vez, o primeiro presidente da Primeira República Española, exercendo de tal, espetoulle ós seus ministros en pleno Consello de Goberno: “Señores, ya no aguanto más, voy a serles franco: estoy hasta los cojones de todos nosotros”, e marchouse a París cando non levaba nin seis meses presidindo o primeiro Goberno da primeira República no momento de presentar a súa dimisión. E miren agora o rendemento que, no seu momento e ó igual que no caso anterior, se lle leva sacado dende as bancadas antano liberais hoxe progresistas. Unha e outra resposta, tanto a de Cánovas como a de Figueras, produciulles enorme satisfacción ós seus opoñentes, acompañada de non poucas doses de satisfacción e felicidade, no canto de botarlla en cara ós seus adversarios.

Esta recorrente teima de sinalar co dedo o anecdótico dáse seguramente grazas á incapacidade de incidir na cerna das cuestións que deberan ocupar as mentes dos políticos e dos medios de comunicación afíns a eles, chega tamén ós nosos días. Recordemos o lume que se fixo con algunhas das afirmacións feitas por Mariano Rajoy ou coa afirmación de Zapatero de que “la Tierra no pertenece a nadie, es del viento” tratada como se fose unha parvada cando encerra en si mesma toda unha concepción da vida, expresada en múltiples oportunidades polo pensamento propio das tribos indias que habitaban o norte de América antes da chegada dos ingleses, e que farían súas Thoreau ou Withman como consecuencia que evidencia un enorme respecto e consideración pola Natureza.

Hoxe segue a pasar o mesmo, xa con máis ilustracións (que non Ilustración) con algunhas afirmacións feitas por Feijóo ou por ese fenómeno mediático chamado Ayuso e, pola outra banda, coas desa deputada ou secretaria de Estado que ó parecer é galega, seica de Pontevedra, manifestando o seu descontento polo feito de que o setenta e cinco por cento das mulleres españolas se manifestasen a favor da penetración en vez de facelo pola estimulación; miren que non se lle leva sacado punta, que certamente a ten. Con tanta teimosía, con tanta contumacia, é como se non houbese temas máis serios que tratar. 

Levados de tales afáns agora esa punta estáselle a sacar unha consideración que pode gustar ou non pero que é consecuencia do adquirido hábito de meter o dedo no ollo alleo pra compensar o feito de que antes cho meteran a ti. Non é ningunha parvada, indigna de ser tida en conta, a solicitude de que na docencia se lle aporten ós alumnos coñecementos tan útiles como os que me contaba Carlos Casares que se impartían na Suecia da súa esposa. Está moi ben que se estude o teorema de Pitágoras ou se aprenda a facer raíces cadradas, pero non estaría nada mal que tamén se fixera coa composición administrativa do país e o xeito de se gobernar na mesta silveira que a conforma e, quen di iso, a aprendizaxe de como reparar unha avaría no propio fogar ou proceder nun caso de accidente doméstico.

Mentres nos deleitamos con tal anecdotario patrio imos esquecendo os grandes temas que deberan preocuparnos. No fondo resulta un proceder intelixente, pero escasamente útil ó conxunto da cidadanía, este de poñer árbores que nos impidan ver o bosque. Acaba por resultar aborrecible e a xente, os electores, acaban trasladando a súa atención ós programas de maior audiencia das cadeas de televisión chamadas xeralistas; e dicir, acaban despistados (eu entre todos) mesmo despois de toda unha vida de preocupación política como esta que teño e que xa se vai achegando ó seu fin.

Diríase de nós, dos votantes desta partitocracia que ó parecer desfrutamos, que baseamos a nosa felicidade na infelicidade ou na desgracia allea e, pese a Séneca, si temos razóns abondo pra desfrutar cos erros alleos esquecendo os acertos cos que sen dubida, uns e outros, outros e uns, acertan á hora de millorar a nosa realidade.

Te puede interesar