Opinión

O galo que castiza

Non sei se, a algún de vostedes, sucederalles unha cousa ben rara (a min parécemo) que me sucede dende hai certo tempo. Ó millor é cousa da idade, porque xa me ten pasado de rapaz malia que non fose exactamente a mesma. Entón, de rapaz, vía unha pintada, porque daquela xa as había, con moita máis graza cas de hoxe, e eu líaa en galego cando no que estaba escrita era nun castelán do máis recortadiño. Outras líaas entendendo unha cousa e axiña reparaba en que podería dicir outra; por exemplo, unha vez lin unha que puña “Fraga heredero del franquismo” e, primeiro lina en galego, logo decateime de que estaba escrita en castelán e que, mentres uns entenderíana coma unha acusación outros o farían sentindo dende un orgullo certo ata unha satisfacción indescritible.

Agora, con isto da idade provecta na que non me aventuro senón que xa habito nela, lin que “Ana Pontón presidira o día da comunidade: Galiza é vigorosa, aberta, solidaria e enxebre” dixera ó efecto. Mi madriña! díxenme. A que se lle vai vir enriba. Galicia é mansa, pechada en si mesma, sempre indecisa e pra rematala di que e castiza ou cando menos iso é o que pensa afeita a desexala así e así mantela. Non pouca e ademais activa, moi activa. A que se lle vai vir enriba! 

Logo xa algo máis calmo, tamén algo máis esperto, porque o que así entendera lérao nun xornal nada mais me erguer do leito (un ten estas manías) era o seguinte: “Ayuso preside los actos del día de la comunidad: ‘Madrid es pujante, abierta, solidaria y castiza”. Debeu ser que como, non hai nada, dixera aquilo de que “Madrid es España y España es Madrid dentro de España”, ou algo así e a min me preocupara moito porque castizar en galego é o que é e o lector poderá buscar no dicionario; pero, pra que non perda o tempo, adiantolle que un galo peteiro é un animal que castiza ben, que transmite ben a caste e que tal actividade está moi ben vista cando a practican uns durante séculos, peteira que te peteira, pero moi mal cando a suxire alguén máis durante un tempo estraño e acaso tan só como actitude non como acto; por todo iso, confundido como estaba, cismei no que se lle podía vir enriba á señora Pontón ou a calquera señora ou señor nacionalista galego que así se expresara visto o contento que esperta nos máis o feito de que unha nacionalista madrileña e enxebre afirme, falando desa capital, que é España e que España é esa capital ignorando de xeito deliberado dúas verdades, a saber: a pluralidade do conxunto, unha, e o feito de que unha unidade pode establecerse de distintos xeitos sen ter por elo que recorrer á teoría de conxuntos, outra.

Comprendo que a miña poida ser unha mente algo revirada de máis de xeito que ás veces non entendo porque tal consideración non se lle aplica a outras mentes que proceden igual ca miña entendendo o que lles convén entender é non a cerna do que sen maior intención afirmou ou entendeu alguén nalgún momento.

Te puede interesar