Opinión

O gato, que sexa murador

Cando, militando na clandestinidade política, escoitei dicir por primeira vez aquilo de "cando veña os nosos e os ricos pasen a probes e os probes pasen a ricos..." estremecínme tamén por primeira vez. Pensaba, acaso con demasiada inxenuidade, que do que se trataba era de ver de como acabar coa explotación do home polo home. Ignoraba aínda que a condición humana é a que é, e non outra, e de que o máis que se pode e se debe intentar é reconducila, mitigala, a través de leis humanitarias e xustas que vaian sendo paulatinamente adaptadas ós cambios que toda sociedade vai experimentando a través dos séculos, un tras doutro e así, ata hoxe, cando xa comprobamos que a moral é cambiante e que non sempre as leis van acordes con ela e cos tempos que se vivan.

Quizás por iso me guste hoxe aínda tanto a anécdota que se conta, non sei se apócrifa ou certa, referente á visita que un dos líderes da revolución portuguesa, a dos caraveis, lle fixo non seu tempo ó líder socialdemócrata sueco Olof Palme, posteriormente asasinado, cando este se interesou polos proxectos políticos inmediatos que ía aplicar o novo goberno portugués e o líder, do que omito o nome deliberadamente, respondeulle que este consistía en "acabar cos ricos". Olof Palme seica dixo de contado: "¡Ah, que curioso, nós o que pretendemos é acabar cos probes!" Quizás Olof Palme fose algo inxenuo, é verdade, pero non é mentira que, baixo o seu liderado, o seu pais, no que cen antes a xente andaba descalza, converteuse nun paradigma mundial da riqueza e mailo progreso social conxuntados.

Entre esa anécdota e maila de Churchill respondéndolle, á súa oposición parlamentaria, que a razón de non ter minguado os orzamentos gobernamentais anuais de cultura, estando como estaban en tempos de guerra, manténdoos coma nos tempos de paz, era tal como a que segue: "Se non loitamos pola nosa cultura, por que loitamos?". A min chégame co contido entre esas dúas respostas e algo próximo ó que aquí tanto levo escrito; millor dito, chegóume pra reducir o meu credo ideolóxico-partidario ó mínimo. Ultimamente e debido acaso á paisaxe política que os tempos nos foron descubrindo, non só a min senón a moita máis xente, tamén á idade na que xa me adentro de xeito irremisible, penso que en política todo é confrontación, negociación e pacto. Confrontación democrática, negociación democrática, pacto democrático. Quede claro. 

Todo este longo introito, que rogo se me desculpe polo que poida ter, polo que ten de repetitivo, ven a modo non tanto de xustificación como de explicación dos motivos que, todo ó longo da miña vida, mantiven a cerca de esa pretendida e solidaria entente cordiale condensada na expresión Galeuzca. Nunca crin nela. Síntoo. En Euzkadi sempre fomos maketos. En Cataluña sempre fomos charnegos. E a min aprendéronme de pequeno que nós non somos máis, pero tampouco somos menos que ninguén. E sigo nelo.

É curioso que, mentres Pedro Sánchez siga falando de Cataluña, Euzkadi e Galicia como nacionalidades ou como nacións históricas, pois tanto ten unha expresión coma outra e ambas son constitucionais, ou sexa aprobadas por todos, mentres Pedro Sánchez fai iso, os vascos e os cataláns reduzan ós seus dous países a unha revindicación que sempre foi común esquecendo despectivamente o noso. Non vale coma xustificación o de que eles desenvolven unha política apoiada por todos, e nós non, porque non hai máis que comprobar as cifras electorais. Convén non esquecer a lección que acaban de nos dar. E por iso tamén convén ir tomando nota de cara á nosa nova cita electoral. 

Ignorase quen poderá ser o presidente galego á volta das vindeiras votacións, pero tamén convén ir tomando nota, sexa este quen sexa. Teño a lixeira impresión de que a Feijoo tampouco non lle guste que ninguén opine sensu contrario ó seu, tal e como lle sucede á maioría do seu partido, convencidos que están na posesión dunha demiúrxica verdade, ancorada a máis dela noutro tempo. E a Caballero, polo de agora, non lle se lle ven andares de enfrontamento ningún co seu líder central. Son os dous líderes políticos galegos que aboian con máis posibilidades de acadar o poder cando nada podemos agardar de axudas externas a nós. Quedan por diante meses que han ser de perennes interrogacións e respostas e, a inicial confrontación dun apoio por conta de que non se subira a peaxe dunha autopista ben se veu de que valeu. Dependemos de nós, unicamente de nós e da nosa capacidade de confrontar, negociar e pactar.

Quen debe gobernarnos á volta das novas eleccións ha ser quen, nestes meses, sexa quen de confrontar co poder central en medida tal que induza ó movemento ó electorado galego, abolindo a apatía que ó respecto nos goberna. A min, chegadas estas calendas, válenme tanto uns coma outros, con tal de que esa confrontación induza a unha negociación e que dela se derive un pacto que favoreza os nosos intereses colectivos. E hai campo onde sachar, dende o agropecuario ó industrial, dende o pesqueiro ó das comunicacións, por citar tan só catro. 

Á volta duns meses a sociedade civil galega terá que decidir quen vai seguir ou quen vai comezar a gobernala con posibilidades reais de que vivamos coma cidadáns en pé de igualdade cos doutros territorios do Estado, sendo quen de confrontar as nosas necesidades coas obrigacións que dito Estado ten con nós dende hai décadas sen que nunca teñan sido debida e oportunamente satisfeitas. E pra que o Estado as satisfaga, primeiro terémosllo que exixir democrática, pacífica e lexitimamente a quen aspire a gobernarnos. Claro que tamén eu prefiro un tipo de política a outro, pero de momento non sei se será moito pedir. Non importa que o gato sexa branco ou negro, senón que sexa murador. Quedan meses pra saber quen debe ser quen nos goberne. Debemos facerllo saber a todo aquel que tal cousa pretenda grazas ós nosos votos.

Te puede interesar