Opinión

O útil e o fermoso

Estamos botando a correr non se sabe ben cara onde. O malo do caso é que xa levamos tempo así; tempo abondo como pra que a cousa teña visos de saír ben. De novo medio país non está de acordo co outro medio. Opinaba Wilde que os ingleses degradan sempre a verdade ó rango de feitos e que cando unha verdade se converte nun feito perde todo o seu valor intelectual. Moito, o que se di moito, non me convence. Mais ós ingleses non lles vai mal de todo con tal proceder.

A pregunta é a de se a nós vainos millor coa recorrente teima de converter os feitos en verdade; por exemplo, a ditadura franquista nunha verdade por riba de calquera outra ou a Segunda República Española noutra verdade inmarcescible, negándonos a recoñecer que, unha e outra, outra e unha, cometeron erros e acadaron logros que millor sería ter en conta dunha bendita vez abandonando este eterno litixio, esta teimosía inútil que tanto recorda a Goya e aquela súa obra, sempre de actualidade no contexto hispano, de dous homes fundíndose nun lameiro, sen posibilidade de ir nin pra diante, pero tampouco pra atrás, so pra abaixo, mentres se golpean, cada un co seu caxato e cunha saña que reclama millor causa.

Porén non debemos esquecer que, mesmo os xenios, se contradín algunha que outra vez todo ó longo da súa vida. Do mesmo xeito que as súas afirmacións acaen, cunha precisión digna de ser tida en conta, co que está a suceder nos nosos días; por exemplo, que nos vellos tempos os homes de letras escribían os libros e o público os lía mentres que hoxe é o publico quen escribe os libros sen que ninguén os lea. E así nos vai. Acaso sexa por isto, a causa desta nova diagnose que nos volve chegar da man de Oscar Wilde, que, mentres que o Estado ten que facer o que é útil, o individuo ten que se ocupar en construír, en facer aquilo que é fermoso. De aí, relacionando unha cousa con outra, a continua leria mantida entre uns e outros, outros e uns, todos eles cidadáns deste noso país, unha vez empoleirados nas frondosas polas administrativas do Estado, unha vez asentados nelas, uns e outros, outros e uns, ocúpanse non tanto en facer o útil como en esnaquizar calquera sorriso que poida aboiar chegada a tan difícil hora de contemplar algo fermoso. E fermosa debera ser o nomeamento de quen han contribuír ó benestar da xente. A quen favorecen os nomeamentos dos que nos han gobernar? Como se nomean é pra que? Pensan os responsables de facelo, uns e outros, outros e uns, en entregarlle os lugares de poder a aqueles que poidan construír o útil prá cidadanía ou, logo de pensalo ben, a quen designan é a aqueles que sexan útiles prá continuidade ou prá consecución do poder, nuns e noutros casos. A escolma practicase sempre, cando menos no máis do que a miña idade me permitiu contemplar, en busca do contento e da satisfacción da freguesía propia; é dicir, gobernan pensado máis neles que na cidadanía. 

É certo que tal escolma é lexítima malia que non sexa estritamente satisfactoria. E que sucede cando a militancia dos apparatchiks é pródiga en mediocridade e cobiza? Pois que pasa o que pasa e nin o útil nin o fermoso aboian como deberan na debida proporción que a condición humana sempre decanta e, así, hai tempo que botamos a correr camiño de non se sabe onde; e así seguimos.

Te puede interesar