Opinión

Ocorrencias de académicos

Considera Mark Twain, faino en "Seguindo o ecuador", escrito que foi no 1897, que un crime no que se persevera durante un tempo -el di nun millar de séculos- deixa de selo ata se converter en virtude pois tal é a lei do costume. O costume é lei que invalida calquera outro tipo de lei. Chegado 1923 debeuno pensar millor e escribe, faino en "Europa e outros lugares", que "a Biblia cristiá é unha botica. O seu contido ven sendo sempre o mesmo, pero cambia á práctica médica. O mundo ten corrixido a Biblia. A Igrexa xamais a corrixe, pero nunca perde a oportunidade de sumarse á cola da procesión e atribuírse o mérito da corrección. Ó longo de moito anos existiron as bruxas. Así o dicía a Biblia ordenando que non se lles permitise vivir. Xa que logo a Igrexa, ó longo de oitocentos anos, colleu os seus dogais, empulgueiras e teas e, con absoluta disciplina, púxose mans á obra e levou a ramo o seu sagrado cometido. Traballou duro día e noite ó longo de nove séculos e prendeu, torturou e queimou enormes hordas e exércitos de bruxas limpando a cristiandade do seu vil sangue. Ata que un bo día se descubriu que as bruxas non existían nin existiran nunca. Un non sabe se rir ou chorar".

A Igrexa non só é unha realidade, é un concepto, mesmo un sistema de ideas que se pode ubicar no Vaticano, certamente, pero tamén no Kremlin, cando a convicción política deriva nunha confesión case que relixiosa, nunha fe política tantas veces cega ou, quen di na política e na relixión, di no Santiago Bernabeu ou no Nou Camp, sedes respectivas da relixión merengue ou da blaugrana. E non sigamos por aí non vaia ser que desemboquemos nas academias, tan necesarias cando xurdiu a ciencia experimental e acolleron nelas ós que se enfrontaban cos partidarios da especulación intelectual, da erudición e mesmo do argumento de autoridade; a Igrexa e á súa doutrina pra dicilo de contado.

A relación veume establecida, lendo os textos de Mark Twain que lles cito, pensando o ben que lles vai, por exemplo, ás literaturas inglesa e norteamericana que non teñen que aturar academias da lingua, autoras de dicionarios de elaboración secular e laboriosa que logo fai calquera María Moliner cun lapis, miles de fichas e acaso maior acerto, resultado e mérito. E o costume de atender secuenciadamente ós seus requerimentos e indicacións, cal se foran leis, cando non sempre son axeitadas nin á realidade nin ás necesidades do idioma e si, en cambio, consecuencia das brillantes ocorrencias dalgúns académicos que, fartos de instigar e malferirse entre eles, ocupan o seu tempo en confundir á xente con proposicións que, en non poucas oportunidades, cabería cualificar de deshonestas, dito sexa sen ánimo de molestar. Debe ser que, logo dun tempo, algúns crimes se nos tornaron virtudes e como tais os aceptamos.

Te puede interesar