Opinión

Ou gañador ou nada


Ou ben parécemo a min ou estes sonlles tempos pra reler ós autores literarios que fixeron da ironía un instrumento de combate. Nós, que somos unha xente amiga de facer dela exactamente o mesmo que acaba de ser citado, non temos nos últimos tempos, nos nosos escritores máis actuais, moitos exemplos de utilización desta arma da que, non hai moito, tiñamos xente e xente capaz de utilizala. A que se deberá?

Deixou dito Jonathan Swift, quen como vostedes saben foi irlandés, o que xa é un punto ó seu favor, que aqueles ós que de forma unánime se lles concede o segundo lugar son os que, sen dúbida ningunha, están dotados pra ocupar o segundo. Disimúlenmo, se queren disimularmo, pero se non tampouco non pasa nada, que, se o pensamos ben, os que quedan primeiros poderían ter quedado de segundos.

Non hai nada, nun premio literario seica que con algunha fortuna a xulgar polo seu renome, difusión e autores con el galardoados, concursou (entre outros do seu nivel) un solvente literato que non chegou a finalista; é dicir, que non puido ser o primeiro baixo ningún concepto. Aínda peor, so contou co único voto dun membro do xurado

Cando quen o votou ousou preguntar como era posible que o traballo dese autor só recibise un único voto respondéronlle que, dado que o premio fai figurar tres finalistas, xa que logo posibles gañadores os tres, se lle facemos caso a Swift e razón non lle faltaba, sería vergonzoso que o seu nome non aparecese como gañador.

O pregúntante, dito sexa así en honor de Portomeñe, brillante parlamentario galego durante tanto tempo, levaba tres anos pretendendo que non se convocasen tres finalistas ó acto de entrega pra non deixar en evidencia situacións como a que acaba de ser citada e outras que, sen ironía ningunha, poderían facer saír co rabo entre as pernas ós finalistas, tal e efectivamente como pra que así xa teña sucedido.

Seica o “preguntante”, un tipo raro que non sabe estar, aducindo que dado que o premio concédeo a institución que lle da o nome, a tal institución, está no seu dereito de facer con el o que lle pete e que, mesmo, pra lle dar “máis emoción”, podería, calquera ano destes, convocar media ducia de finalistas a fin de espertar máis emoción no acto de entrega do premio, acordou darse de baixa no xurado, deixándolle ó seu sitio a quen a entidade convocante decida chamar a tal efecto. 

Disque a decisión do dimisionario, quen seica é o que conta con maior número de dimisións levadas a ramo no país, non quere volver pasar, nin á voladura pola que sospeita que han seguir pasando, en cada ocasión, cada un dos finalistas, nin á decepción de posibles e máis que merecidos gañadores non convocados a unha festa literaria tal que calquera diría que, en troques de festa, puidera semellar feira. E que haber hailles xentiña moi rara polo mundo adiante. Digo eu, vaia.

Pra rematar, tal como Swift o deixou escrito, “apelo á sinceridade de calquera librepensador culto pra que me confese se cando trata de satisfacer unha paixón que o domina, non sinte un inusitado aliciente ó pórse a cismar que o que está a facer é algo prohibido”. E amén. O tal dimisionario morrerá sen ter escarmentado.

Te puede interesar