Opinión

Ourense, terra dos millores narradores

Tódolos veraos, dende hai xa moitos, recibo a visita de Carlos Pereira nesta na que eu habito e se chama Casa da Pedra Aguda. Carlos é historiador e cullerdense, o que non é o mesmo que ser un historiador cullerdense. O seu traballo de historiador atinxe a todo o país e tamén e con toda lóxica a Culleredo, onde habita todo o ano, pero no verao aveciñase na Punta Batuda, cabe Portosín. Alí ten a ría de Noia toda pra el só cando a contempla a través da fiestra á que se asoma. Unha tarde de cada verao pérdea en vir ver a este seu vello amigo sempre mal encarado.

Tódolos veraos, convídame á lectura dun autor galego determinado. Tódolos veraos asegúrolle que si, que deste ano non pasa, pero un tras doutro pasan tódolos anos e sempre ten que repetir a súa monserga: tes que ler a Antón Riveiro Coello. A verdade sexa dita, pero ignoro porque foron pasando os anos sen que eu botase man dunha novela do autor de Xinzo de Limia. Sempre estou lendo algo e cada vez que Carlos Pereira me reclamaba a lectura do que coido seu amigo, andaba a ler algo que non estaba disposto a deixar de ler e así un ano tra doutro. E Carlos veña a teimar con que Riveiro é un gran escritor e que debo lelo.

Así chegamos a este verao e a anual visita de Pereira, recomendación incluída. Pero este ano, parei un dos libros que andaba (e ando) a ler e botei man da novela de Riveiro “As rulas de Bakunin”. Agora sei que seguirei lendo outras novelas da súa autoría que, ó igual que esta, durmían o sono dos xustos nun andel da miña biblioteca.

Por que razón conto eu estas cousas? Pois porque alguén haberá a quen lle aproveite saber que Riveiro Coello é, segundo eu o vou entendendo, un máis dos máis que bos novelistas que temos no país. A min aproveitoume a teima de Carlos Pereira e sospeito que tamén lle ha aproveitar a que eu inicio agora que aínda estou a ler “As rulas de Bakunin”. Ourense, a provincia enteira, sempre deu os millores narradores do país. Convén telo presente. Dígoo porque non sei que, por exemplo, se estea a ler na debida frecuencia a xentes como Blanco Amor ou Silvio Santiago, tamén como Marcial Suárez e sempre haberá que se laiar de que así suceda. Ou de Xoan Manuel Casado, outro autor da miña veneración malia a súa temprana morte e o reducido da súa obra literaria. Ou de tantos outros. Risco e Otero Pedrayo incluídos, naturalmente.

Coido que Antón Riveiro ha estar tendo millor fortuna e non todo o mundo ha ser tan desaprensivo ó respecto como eu o fun durante todos estes anos. Se así fose estariamos exemplificando o desligamento da nosa propia realidade, da nosa realidade máis propia se así o prefiren. Agora que tanto se edita en galego, cantos autores se me estarán pasando desapercibidos é algo que me inquieta. Admítense suxestións e mesmo tamén reproches.

Te puede interesar