Opinión

Un Parnaso lírico, ácido ou reseso

Tal e como se adiantou antonte, disimúlenme hoxe o feito de que teime en comentar algúns contidos do volume editado pola Xunta de Galicia, no pasado 2017, pero é que acaba, aínda agora, de chegar a min grazas a unha man amiga. Cando eu andei no machito, encargueime ben de aqueles que nos precederan na ocupación dos mesmos altos cargos, recibisen as publicacións da consellería. Tratábase dunha mínima consideración, a debida, e tamén porque nós recibiramos dos gobernos anteriores unha herdanza de seiscentos mil volumes, durmindo o sono dos xustos nos sotos da Xunta, que Xavier Senín, como subdirector xeral de cultura, se ocupou en distribuír polas bibliotecas e polos centros docentes de todo o país ó longo de meses. Non sei se serviu de moito: cando cesou Fraga como presidente de Galicia o número de libros adormecidos era de dous millóns e medio. A ver que pasa cando Feijoo se vaia.

Neste volume editado en merecida homenaxe a Carlos Casares lanceime a ler algunhas colaboracións, das que xa falei, e outras ás que aínda estou a tempo de facelo. O mércores comentei que lera sete ou oito pero agora acabo de contalas e as que lin daquela eran quince. Resulta moi curioso o pouco afán que levo percibido, cando menos de momento, acerca da ocupación política de Casares, primeiro como deputado, logo como terceira autoridade de Galicia. Foino na súa condición de Presidente do Consello da Cultura Galega, a terceira institución que, xunto co Goberno da Xunta de Galicia e o Parlamento de Galicia, figura no noso Estatuto de Autonomía. Seica nos tolle algún medo inconfesable.

Tamén chama moito a atención a teima en falar do Carlos contertulio, do Carlos coma o excepcional narrador oral que foi, pasando de esguello, en demasiadas ocasións, sobre a súa condición dr espléndido contista, un moi bo novelista, un significado ensaista e biógrafo, tamén e no meu entender un mal poeta, que cultivou con acerto practicamente tódolos xéneros literarios e foi quen de escribir pra nenos e pra vellos, teatro infantil e excepcionais artigos nos xornais. Ah, e tamén foi crítico literario. Que mo pregunten a min!

Onte detiven a escrita xusto no anterior punto e a parte. Logo seguín lendo non poucos traballos do máis do medio cento deles que compoñen o libro de homenaxe a quen foi o meu millor amigo, condición esta que unha vez pasado o tempo me da pé a recordar as opinións que lle mereceron algúns dos asinantes dos traballos... e decidín parar. Podo ser pouco pudoroso, de feito o son moi pouco, ou nada, na expresión dos meus sentimentos; pero outra cousa moi distinta é falar facendo uso dos alleos. Pero créanme se lles digo que hai non pouco que deterxer, non pouco que lavar e poñer logo a ourear ó sol pra que lle dese a luz; pero pra que?

Digamos, iso si, que me interesou moito o texto asinado por Carlos Fernández, un prodixio de intelixencia construtiva grazas a unha perspicacia e a unha intuición lectora da que carecen non poucos dos nosos críticos literarios, algúns deles tan afeitos á recensión eloxiosa. Tamén é mencionable no positivo o escrito por Manuel Janeiro, que se me antollou cheo de sinxeleza e de verdade, despreocupado de cultismos, verdadeiro. Ou o de Manuel Rodríguez Álvarez, Manolito o Filósofo, se é que se me permite recordar como lle chamabamos os seus compañeiros do Instituto do Posío xa antes de que Carlos se incorporara a el, xusto cando eu o abandonei camiño de Pontevedra. En certo modo foron dúas almas xemelgas, coas mesmas preocupacións e obsesións idénticas que agora quedan velaíña e fielmente descritas no texto de Manuel, o seu amigo, e se que se resumen na cita do texto de Paul Davies, "Dios y la nueva física" cando o chamaba por teléfono á unha da mañá pra comentarlle extremos xurdidos coa súa lectura. Ese era o Carlos. Érao así dende Xinzo cando a esas mesmas horas reclamaba confesión ou xogaba ó futbol cun xeito do que apenas ninguén se acorda.

Tamén é reseñable, atinada e xusta a semblanza que Xosé Ramón Fandiño Veiga fai estancia do Casares en Compostela. Foi así como el a conta, sen subterfuxios como aqueles nos que se agachan tantos dos participantes no libro; moi máis atentos a cuestións de, digamos, preceptiva literaria e lucimento persoal que á de lle dar lustre á figura que motiva o encontro de tantas persoas destacadas do noso Parnaso literario, sempre tan lírico e ás veces tan ácido e reseso.

Parei onde lles dixen aí atrás ó me dar de conta de que non hai que sinalar co dedo moito máis alá do necesario; pero confeso que lendo algúns traballos sentín verdadeira repugnacia, noxo expresado en bascas intelectuais que me levaron á omisión que recoñezo e que, de ser necesario, que non o é, asumo. Lamento iso si, non dispor de máis espazo pra expresar a satisfacción consecuencia da lectura dalgúns outros traballos, tampouco non vaian pensar que moitos (Juan Fonseca, Vázquez-Monxardín que é o autor dunha exhaustiva, intensa e espléndida pequena biografía e algún que outro máis, como xa dixen) ó tempo que rogo me desculpen aqueles que, coa lectura do artigo anterior, esperaron outra cousa. Laméntoo. Algúns dos asinantes xa está morto e á miña idade empezan a pesar non só as propias miserias senón tamén as alleas. E tal día fará un ano.

Te puede interesar